Noticias

A Deputación de Pontevedra e FOANPAS promoven unha campaña de difusión da linguaxe inclusiva

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, fixo entrega de preto dun centenar de exemplares da súa guía de comunicación inclusiva ás representantes de Foanpas, que as distribuirá agora entre as 74 asociacións federadas


02 outubro 2019
Linguaxe inclusiva

A deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, fixo entrega esta mañá en Vigo de 75 exemplares en galego da guía de comunicación inclusiva da Deputación de Pontevedra a representantes da directiva da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpas), que agora as distribuirán entre as Anpas que integran o colectivo para que as teñan a man e poidan consultar cando o precisen.

A federación Foanpas agrupa na actualidade a arredor de setenta asociacións de nais e pais de alumnas e alumnos de centros públicos do Concello de Vigo, das etapas de Educación Infantil, Primaria e Secundaria. En representación do colectivo, recibiron os exemplares da guía nun acto que tivo lugar na sede da Deputación en Vigo a súa voceira e responsable da comisión de convivencia, Bertila Fernández Pérez, e a pedagoga María Jesús Granja.

A institución que preside Carmela Silva editou esta guía, que leva por título Principios de actuación para unha comunicación en clave de igualdade na Deputación de Pontevedra no ano 2017, como forma de implantar o primeiro regulamento de linguaxe inclusiva da administración provincial, impulsado desde o Servizo de Igualdade co obxectivo de eliminar a linguaxe discriminatoria ou sexista nas comunicacións oficiais realizadas pola Deputación. Desde ese ano, a administración provincial ten repartido xa preto de 2.000 exemplares da guía tanto entre as súas traballadoras e traballadores como entre concellos e colectivos e institucións da provincia que o solicitaron. Así, entre o pasado 2018 e este ano a Deputación tivo solicitudes de varios concellos, Centros de Información á Muller, centros de ensino, organizacións no gobernamentais e sindicais, ademais de repartila en diferentes congresos e xornadas.

A guía está editada en galego e castelán, para atender as solicitudes desde fóra de Galicia, e estrutúrase en catro apartados. O primeiro está dedicado a aportar un marco teórico, no que se afonda sobre importancia da linguaxe e como esta afecta a todos os procesos de relación coa nosa contorna e se analizan conceptos como xénero, sexismo ou androcentrismo; un segundo que comeza cun breve no marco normativo coas leis vixentes ao respecto tanto a nivel internacional  tras o que se detallan recomendacións tanto para a linguaxe escrita e oral como na linguaxe iconográfica; unha terceira parte composta por un glosario e unha última na que se recolle a bibliografía utilizada para a elaboración da guía, cuxa consulta tamén se recomenda.