Noticias

A Deputación e o Centro Asociado da UNED en Pontevedra colaboran na realización dos Cursos de Verán 2018

Migracións no Século XXI, Mundo Literario de Julio Camba e O Lado Escuro do Comportamento son os tres cursos previstos para xuño e xullo


27 xuño 2018
Cursos UNED

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e a directora do Centro Asociado da UNED en Pontevedra, María Troncoso Abalo, asinaron un convenio de colaboración para a realización destas actividades. Mediante o acordo asinado, o Goberno provincial vai financiar a posta en marcha dos cursos O Lado Escuro do Comportamento. Como a Ciencia Aprende dos Erros Humanos, Migracións no Século XXI: Unha Visión Socioeconómica Internacional e O Mundo Literario de Julio Camba.

O curso O Lado Escuro do Comportamento. Como a Ciencia Aprende dos Erros Humanos desenvólvese entre o hoxe e o venres 29 de xuño no Centro Penitenciario da Lama. É unha actividade formativa destinada tanto ao alumnado da UNED como tamén ás persoas internas do centro. Neste curso preténdese explorar a cara oculta do noso comportamento co obxectivo de coñecer os seus mecanismos psicolóxicos e neurobiolóxicos.

Migracións no Século XXI: Unha Visión Socioeconómica Internacional vai ter lugar no Centro Asociado da UNED de Pontevedra entre o 18 e o 20 de xullo. Pretende ofrecer unha visión internacional e multidisciplinar da migración nos nosos días, un tema tan de actualidade. Abordarase a importancia das políticas de integración dos emigrantes ao tratarse dunha parte da poboación normalmente en situación de vulnerabilidade.

Na Aula da UNED en Portas ou on line vaise desenvolver o curso O Mundo Literario de Julio Camba entre os días 18 e 20 de xullo. Abordarase a obra de Julio Camba desde múltiples ópticas, entre outras, as amizades, a gastronomía, as viaxes ou o humor.