Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello da Illa avanzan no deseño das obras de humanización da avenida de Castelao

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, reuniuse co alcalde, Carlos Iglesias


04 outubro 2019
Obras avenida Castelao

Avanzar no deseño final das obras de humanización da avenida de Castelao, a arteria principal do núcleo urbano da Illa de Arousa, foi o obxecto dunha xuntanza mantida entre o deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde, Carlos Iglesias.

A actuación sitúase no tramo da estrada provincial EP-9803 coincidente coa avenida. Trátase dunha rúa que cruza A Illa cun marcado carácter urbano e peonil e que, a pesar da súa escasa anchura, soporta un gran volume de tráfico rodado. A Intensidade Media Diaria é duns 6.500 vehículos, xerando así importantes problemas de seguridade viaria.

Tanto a Deputación como o Concello coinciden en que é necesaria unha actuación que, dando preferencia ás e aos peóns e mantendo unha circulación a motor sostible, dea servizo á veciñanza e ás empresas da zona, mellore a seguridade e supoña tamén unha reforma estética que aporte maior calidade urbana nunha rúa que é parte da imaxe da illa.

Gregorio Agís explicou que a Deputación ten xa redactado un proxecto, valorado en 1.177.807,19 euros, pero está aberta a introducir pequenos cambios que redunden na maior aceptación social posible dunha obra destinada a cambiar a cara do centro urbano. O persoal técnico provincial e municipal dispoñen dunha completa análise de necesidades tanto nos tráficos peonís como rodados e continuarán a manter contactos para atopar un equilibrio entre ambos tipos de mobilidade, dando prioridade á seguridade peonil.