Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Meis traballarán conxuntamente para solucionar os empozamentos na estrada que comunica coa praza de España

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, reuniuse coa alcaldesa, Marta Giráldez


03 outubro 2019
Estrada Meis

Os empozamentos que se producen nun punto baixo da Estrada Provincial EP-9402, moi preto da praza de España, no lugar de Mosteiro, quedarán solucionados en canto se concrete o convenio de colaboración que acordaron estes días o deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, e a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.

Durante a xuntanza, na que tamén estiveron presentes persoal técnico provincial e a tenente de alcalde, Araceli Maquieira, acordouse que a Deputación comezaría a traballar de xeito inmediato na redacción do proxecto para resolver as deficiencias da drenaxe deste punto. Paralelamente, o Concello ocuparase de acadar as autorizacións das persoas propietarias das leiras para a servidume de paso das tubaxes ata o río.

Desde o Concello de Meis destacouse que trátase dunha estrada moi transitada, pois comunica a praza de Mosteiro, onde tamén se están acometendo obras de humanización valoradas en preto de 300.000 euros.

Gregorio Agís expresou a vontade da Deputación para colaborar nunha obra que se considera necesaria, se ben recalcou que a institución provincial só pode actuar no ámbito da estrada, polo que a execución das canalizacións polas leiras particulares, así como a xestión das servidumes, corresponde ao Concello.

A Deputación leva investidos preto de 3,4 millóns de euros en Meis nos últimos catro anos. O municipio percibe 493.000 euros anuais no marco do Plan Concellos e con este operativo provincial financiou obras de mellora de camiños, rehabilitación de edificios públicos, saneamentos e subministracións de maquinaria para o parque municipal. O Concello de Meis tamén logrou a puntuación técnica necesaria para o financiamento, a través do Plan de Reequilibrio, das obras da praza de España.