Noticias

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo saldan "unha demanda histórica" ao transformar "un lugar escuro e abandonado" no moderno pavillón de Romil

Carmela Silva: "Síntome encantada de participar con financiamento en equipamentos que fan que a nosa cidade sexa un modelo" pola súa aposta "por dotacións públicas pensadas para dar servizo ás demandas da xente"


21 setembro 2020
Pavillón de Romil

Tanto a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, coincidiron ao poñer en valor a transformación dun "lugar escuro e abandonado" no moderno Pavillón de Romil, que hoxe mesmo inauguraron. Esta nova dotación deportiva, na que ambas institucións investiron preto de 2,1 millóns de euros, trátase dunha demanda histórica da cidade, que dá respostas ás necesidades do século XXI e tamén poderá ser empregada polo colexio Fleming.

A presidenta da Deputación, que amosou sentirse "encantada de participar con financiamento en equipamentos que fan que a nosa cidade sexa un modelo" pola súa aposta "por dotacións públicas pensadas para dar servizo ás demandas da xente", fixo fincapé na transformación do espazo público ao reconverter una construción inacabada, "que danaba moito a imaxe desta contorna tan especial de Vigo" no novo pavillón de Romil, "unha instalación deportiva chea de luz, fermosa, que mellora a calidade de vida da veciñanza". Tamén destacou a presidenta provincial que o novo pavillón de Romil dará servizo ao colexio Fleming, "dando respostas a demandas que non son competencias municipais". Neste eido, Silva, recordou que "as competencias en educación son exclusivas da Xunta de Galicia" pero "o alcalde está a cubrir as demandas dos centros educativos" porque "queremos unha cidade de primeira".

Pola súa banda, Abel Caballero, asegurou que "non hai unha soa cidade en Europa que teña inaugurado como Vigo nunha semana tres grandes instalacións deportivas". No caso concreto de Romil, "era un grande reto, porque era a marxinalidade máis absoluta no corazón e centro da cidade. Estabamos a transmitirlle á mocidade que se podía ter un lugar abandonado e sucio. Nós quixemos resolver esta ferida, a través dunha alianza entre a Deputación e o Concello" para a posta en marcha deste pavillón, "dunha beleza estética extraordinaria que forma parte dunha maneira de entender a cidade". "Agora –destacou o alcalde de Vigo– xa se pode pasear por Romil e atoparse cun fermoso e útil pavillón deportivo, onde o Fleming tamén poida realizar parte das súas actividades". Ademais, Caballero adiantou que "imos seguir transformando e revolucionando a cidade, xerando novas accións. Xa estou buscando sitio para un novo pavillón deportivo".

O novo pavillón de Romil, enmarcado no convenio entre a Deputación e o Concello para renovar e crear instalacións deportivas en Vigo, conta con preto de 3.000 metros cadrados de superficie que permiten acoller ata 555 persoas. En liñas xerais, o novo equipamento deportivo da cidade conta con dous andares, un baixo por Romil e outro alto, nos que se atopan catro espazos polideportivos, gradas, aseos, vestiarios, espazos para ximnasia acrobática, squash, escalada e práctica de deporte en xeral.