Noticias

A Deputación de Pontevedra edita o libro ‘Un século de fotos en Candeán' con centos de imaxes da freguesía viguesa

A deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega, presentou hoxe a obra xunto aos seus autores, Sesé González e Xan Colazo


21 decembro 2019

A Deputación de Pontevedra acaba de editar o libro ‘Un século de fotos en Candeán' no que se recollen centos de fotos da historia da freguesía viguesa. Os seus autores, Sesé González e Xan Colazo, xunto á deputada de Patrimonio e Lingua, María Ortega, presentaron hoxe o exemplar, que inclúe diferentes estampas da estación radiotelegráfica do Vixiador, das familias e xentes da zona, así como tamén vistas aéreas recollidas durante o século pasado nas que se fai evidente o crecemento urbanístico do lugar.

A deputada María Ortega puxo de relevo a importancia da publicación, que cualificou como un "ambicioso proxecto" de recuperación da memoria histórica gráfica da freguesía que permitirá que o patrimonio visual do lugar e a súa veciñanza "nin desapareza nin se deteriore". Tamén aplaudiu a visibilización que o exemplar fai das mulleres na vida cotiá, cunha ampla presenza e priorización en todas as temáticas.

"Hai que louvar o traballo de compilación realizado polas persoas autoras e colaboradoras, xa que é importante que esas imaxes pasen da intimidade e os arquivos familiares á memoria colectiva da comunidade desta veciñanza, creando fíos de unión e tamén poñendo en evidencia os cambios que houbo nos costumes, na paisaxe e tamén nos veciños e veciñas", destacou a nacionalista.

Na presentación, guiada pola presidenta da Unión Veciñal, Cultural e Deportiva de Candeán, M.ª del Carmen Martínez, a autora e autor do libro destacaron que o proxecto arrincou no ano 2010, cando un grupo de persoas comezaron a recompilar imaxes entre a veciñanza e a baleirar publicacións e arquivos onde puidesen aparecer fotos de Candeán, implicando a dous centros de ensino e tamén aos obradoiros de memoria realizados na parroquia. Esas fotografías pasaron a formar parte dunha base de datos con testemuñas das persoas cedentes, coa data, lugar e contido e, finalmente, foron obxecto dunha exposición a primeiros de 2011.

Desde a mostra a recollida de imaxes continuou, e o libro é o resultado dunha escolma das fotografías de maior valor co obxectivo de "fixar a historia gráfica recente de Candeán". Así, xúntanse de forma ordenada máis de duascentas fotografías seleccionadas que, a partir dunha foto histórica do século XIX, se agrupan por temáticas e cronoloxía: a escola, o Vixiador, os traballos, as festas, o fútbol…

Xan Colazo, na súa intervención durante a presentación quixo destacar o importante traballo informático e gráfico realizado por Sesé González. Ambos autores comentaron imaxes singulares, entre outras, das escolas de Candeán, mixtas durante a Segunda República para despois reflexar que nenos e nenas foron separados de novo. Tamén fixeron referencia ás fotos da estación do Vixiador, apuntando que unha das que reflexa a súa construción foi recuperada do Arquivo Pacheco, onde estaba sen catalogar, aparecendo entre as máis de 3.000 imaxes sen referenciar que se revisaron.

No libro destaca tamén unha serie interesante de fotografías aéreas nas que se pon de manifesto o evoluír do territorio e os enormes cambios realizados en menos dun século. "Ao estar preto da cidade –a freguesía– cambiou moitísimo, duplicando a poboación desde os anos sesenta", destacou Colazo, instando a ver imaxes tomadas nos anos 1945 e 1956.

Unha vez o libro foi editado pola Deputación, a intención é distribuílo entre as bibliotecas, nas escolas, na Unión Veciñal e a través da comunidade de montes.

Fotos