Noticias

A Deputación enche o Fair Way en Santiago na presentación das múltiples experiencias dos camiños pola provincia e coa caseta máis innovadora da feira

Carmela Silva, o actor Rubén Riós e a guía Alba Acebedo coprotagonizaron a escenificación de tres persoas amigas que se organizan para vivir as seis vías pola provincia cara a Compostela


11 febreiro 2019
Fair Way

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao actor Rubén Riós e a guía do castelo de Soutomaior Alba Acebedo, espertaron esta mañá na feira Fair Way a fame por descubrir as múltiples experiencias que a provincia de Pontevedra oferta percorrendo algunha das vías que por ela discorren cara a Compostela. Neste eido, sorprendendo cunha escenificación a modo de intercambio de opinións entre dúas amigas e un amigo que están a decidir o itinerario a realizar, Silva, Acebedo e Riós foron achegando información relativa ao Camiño Portugués, ao Camiño Portugués pola Costa, ao Camiño de Inverno, á Vía da Prata, á Ruta polo Mar de Arousa e ao Itinerario Cultural do Pai Sarmiento.

Sobre o Camiño Portugués e o Camiño da Costa resaltaron, entre outros grandes atractivos na comarca de Baixo Miño, a visita a Tui, "con espazos como a catedral, o río Miño, e unha paisaxe e unha historia que namoran"; o castro de Santa Trega na Guarda, "cunha panorámica espectacular da desembocadura do Miño e o Océano Atlántico; "o mosteiro de Oia, o único de Europa a pé de mar".

Na comarca de Vigo resaltaron a beleza das vistas das illas Cíes, a fortaleza de Baiona e Cabo Silleiro, as praias de Nigrán e a propia cidade de Vigo, "onde pasear por Samil, polo Lagares, polo castelo de San Sebastián e o Berbés e degustar finalmente ostras na Pedra; percorrer as salinas romanas da cidade, as mellor recuperadas de toda a península ibérica, e unha vila romana en Toralla", apuntou Carmela Silva.

Camiños do interior

Respecto aos itinerarios que transcorren polo interior da provincia, Silva manifestou que "me encantan tanto a Vía da Prata como o Camiño de Inverno", que atravesan as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Neste eido, falou de espazos como o pazo de Oca na Estrada, "o Versailles galego", a fervenza do Toxa en Silleda, "un lugar máxico como o mosteiro de Carboeiro, tamén en Silleda, de visita obrigada". Tamén recomendou a visita ao pazo de Liñares, en Lalín, "un edificio señorial no que se atopa o Centro de Xestión Arqueolóxica da Deputación de Pontevedra", e, na mesma vila, a fraga de Catasós e o Museo da Marioneta. Outros recunchos do Deza e Terra de Montes como as brañas de Xestoso foron tamén protagonistas da presentación da institución provincial en Fair Way.

Xunto aos recursos turísticos, a presidenta da Deputación tamén se detivo a enxalzar produtos gastronómicos das comarcas, como "un bo cocido" ou queixos e pans da zona.

Costa do Salnés

Do Salnés, a presidenta, o actor Riós e a guía Acebedo detivéronse no Itinerario Cultural do Pai Sarmiento e na Ruta Marítima do Mar de Arousa. Ao respecto, recordaron as lendas que indican que pola ría de Arousa nunha barca de pedra chegaron ata Galicia os restos do Apóstolo Santiago. En canto á comarca, puxeron en valor lugares como Cambados e O Grove, onde gozar do enoturismo e dos mariscos, en Vilanova para recordar "a Valle Inclán paseando polas rúas", e o faro de Punta Cabalo na Illa de Arousa. Outras vilas que recomendaron foron Sanxenxo e a praia da Lanzada e a zona intermareal do Grove, "un paraíso para os amantes do birding".

De Pontevedra a Caldas de Reis

A comarca de Pontevedra, a través do Camiño Portugués, foi outra das protagonistas da presentación. Neste eido, recordaron a capital e as súas prazas, concretamente A Verdura e A Ferreiría, onde comer ao aire libre, así como o lugar de Ponte Sampaio. Tamén recomendaron unha visita ben en Combarro, "unha marabilla, case de conto"; o parque da natureza do río Barosa, ou unha estancia termal en Cuntis ou en Caldas e degustar un roscón ao tempo que descansar na súa carballeira.

Enogastronomía de calidade

Ademais dos recursos turísticos polos que atravesan as vías cara a Compostela, a presidenta da Deputación intercambiou experiencias sobre produtos que todas comparten, como os viños da DO Rías Baixas, as carnes e mariscos, os restaurantes con estrela Michelín, "toda a realidade gastronómica que configura a provincia de Pontevedra e esperta Fame de Experiencias". Deste xeito, e co fío do eslogan da campaña da Deputación para este 2019 ("Fame de experiencias"), a presidenta provincial recomendou que "para saciar a fame de experiencias hai que percorrer os camiños que atravesan a provincia de Pontevedra, porque hai moitos paraísos no mundo e un deles é a nosa provincia. Vivimos nun lugar que namora".

Durante a feira Fair Way, ademais da presentación que tivo lugar esta mañá, estanse a desenvolver reunións do sector público e privado na caseta propia da Deputación de Pontevedra, o máis vangardista e innovador da Feira, coa finalidade de "promover e dinamizar os camiños, este recurso turístico de primeira orde". Tamén, a través da caseta estanse a promover as experiencias que se poden realizar a través dos camiños cara a Compostela pola provincia, concretamente as relacionadas coa gastronomía, enoturismo, cultura, arqueoloxía, termalismo e a camelia.

Fotos

Vídeos

  • Catro Estacións Mil Experiencias