Noticias

A Deputación entrega ao concello de Mos o grupo escultórico sobre emigración que ficará na rotonda de Peinador

As pezas Home de pé co seu fillo e Maleta formaron parte da exposición "Nado en pedra", que a Deputación ofreceu aos concellos para embelecer espazos públicos


13 agosto 2019
Home de pé co seu fillo

A Deputación de Pontevedra entregoulle hoxe ao Concello de Mos do grupo escultórico sobre emigración realizado polo alumnado da Escola de Cantería, que se exhibirá de forma permanente na rotonda de Peinador do municipio mosense. Son dúas esculturas que xa se mostraran na exposición pública provincial "Nado en pedra" e que foron escollidas polo Concello para embelecer e darlle significado ao citado espazo público.

Trátase das pezas Home de pé co seu fillo e Maleta, elaboradas en granito silvestre galego polos alumnos José Luis Fernández Ferradáns e Álvaro Somoza López respectivamente. A primeira é unha escultura de 1,85 metros de altura na que se representa un home que rodea cun dos seus brazos agarimosamente o seu fillo, mentres que Maleta se basea na representación da equipaxe tan característica da emigración. A Deputación de Pontevedra e o Concello de Mos asinaron un convenio polo que estas pezas, que poñen en valor o traballo de temática figurativa, poderán ficar na rotonda de Peinador.

"Nado en pedra", a exposición da que formaron parte as pezas, foi unha mostra composta por 17 obras de gran tamaño elaboradas polo alumnado da Escola de Cantería e que teñen como temática central a figura humana. Esta mostra percorreu a provincia de Pontevedra co fin de reivindicar o oficio de canteira e canteiro e de poñer en valor os traballos realizados polo alumnado desta Escola. O Goberno provincial propúxolles aos concellos a doazón das pezas e, como no caso de Mos, moitos deles recollerán esculturas para ornamentar as prazas e rúas dos seus municipios.