Noticias

A Deputación de Pontevedra entrega nove transpaletas para os nove puntos limpos da provincia ao abeiro do proxecto ESTRAEE

A maquinaria, cun orzamento de máis de 80.000 euros, irá para Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e Mancomunidade do Morrazo


12 agosto 2020
Estraee

O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Iria Lamas, xunto ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, o concelleiro de medio ambiente de Moaña en representación da Mancomunidade do Morrazo, Odilo Barreiro, e o concelleiro de medio ambiente de Vilagarcía de Arousa, Lino Mouriño, asistiron ao acto de entrega, no Parque de Maquinaria, das nove transpaletas que prestarán servizo nos nove puntos limpos nos que está a actuar o proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do "lixo electrónico" promovido pola Deputación. En concreto, Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía de Arousa e a Mancomunidade do Morrazo (Cangas, Bueu e Moaña) reciben esta maquinaria, valorada nun total de 80.912,7 euros.

As transpaletas son eléctricas, en sintonía co proxecto sostible e de coidado co medio ambiente, teñen unha capacidade de carga de ata dous mil quilos e unha velocidade máxima de 10 quilómetros hora. Ademais, estas máquinas permitirán transportar e mover dunha maneira cómoda e segura os aparellos eléctricos e electrónicos, uns residuos extremadamente contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave problema. A provincia de Pontevedra revalida, con estes recursos, a súa posición como referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).