A Deputación estreita aínda máis os lazos coa fundación Rosalía de Castro coa entrega de 40 camelias de Areeiro co nome da autora

Carmela Silva, Anxo Angueira e María Ortega plantan un novo exemplar da camelia Rosalía no xardín da súa Casa Museo en Padrón, que se une á xa existente desde 1968 

26/05/2022

A Deputación estreita lazos coa fundación Rosalía de Castro  

A Deputación de Pontevedra segue a estreitar lazos coa Fundación Rosalía de Castro, nesta ocasión coa doazón de 40 camelias que levan o nome da autora reproducidas na Estación Fitopatolóxica Areeiro. Os exemplares, que son fillos da primeira camelia 'Rosalía de Castro' que se plantou en Galicia hai 54 anos no xardín da Casa Museo da autora en Padrón, foron entregados ao presidente da Fundación, Anxo Angueira, pola presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada da deputada de Lingua María Ortega. Na visita á Casa Museo, unha das camelias foi plantada xa por Carmela Silva, María Ortega e Anxo Angueira nunha zona do xardín moi próxima ao lugar onde esta aquela primeira árbore. A presidenta da Deputación lembrou que esa primeira camelia 'Rosalía de Castro' fora entregada á Casa Museo no Pazo Provincial da Deputación, no transcurso da celebración do IV Concurso Exposición Internacional da Camelia de 1968 polo viveirista portugués que a obtivo.

Na visita, Anxo Angueira tamén adiantou, en primicia, o descubrimento do que pode ser a primeira cita coñecida de Rosalía sobre a camelia, que veñen de reflectir no libro "O Herbario de Rosalía", recentemente editado pola Fundación. A cita, que Areeiro levaba buscando tempo, aparece na novela da autora "Flavio", "…que ostentaba encendidas camelias, con sus verdes hojas…". O presidente agasallou á Deputación con varios exemplares da obra.

As 40 novas camelias Rosalía de Areeiro, entregadas agora á fundación, serán utilizadas como agasallo institucional por parte da entidade e, neste senso, Carmela Silva desexou que este regalo "sexa un elemento máis de unión, porque a terra, e todo o que dá, une moito, e que iso faga que sigamos a facer aínda máis grande o nome de Rosalía". "Que marabilla poder agasallar plantas e máis a camelia, que é a flor de Galicia e das Rías Baixas, e leva nome de Rosalía -subliñou-. Unha flor que aquí ten unha enorme presencia e vive con Rosalía, con esa outra planta de 1968 que hoxe é unha gran árbore e mira cara ao ceo, fortemente enraizada". Lembrou tamén que a 'Rosalía de Castro' é unha das camelias plantadas no Castelo de Soutomaior, no xardín con camelias con nome de muller.

A presidenta destacou o compromiso da Fundación e do seu presidente, Anxo Angueira, coa cultura galega "e particularmente coa muller que nos representa". "Temos a honra de ser dos poucos pobos do mundo cunha muller como grande referencia e a Fundación e esta Casa coida de todo o que significa a nosa grande matriarca. Amais, destacou tamén o traballo de Areeiro, especialmente da xefa do servizo, Carmen Salinero, "por coidar desa riqueza botánica que tanto representa Galicia". As plantas van acompañadas dunha ficha explicativa para que todas as persoas que reciban a camelia saiban as súas características e historia, así como nocións sobre a autora á que está dedicada.

Pola súa banda, Anxo Angueira agradeceu a doazón como "un xesto especialmente simbólico" da Deputación. "Non é calquera cousa -apuntou- no sentido de que Rosalía é de Padrón, pero Rosalía é de todos e de todas. Pero sobre todo, daqueles e daquelas que queren ser de Rosalía. E a Deputación de Pontevedra demostrounos que quere ser de Rosalía. Polo tanto, para nós, este é un xesto impagable polo que os estamos agradecidos. Esta é a vosa casa". O presidente englobou a entrega destas camelias no termo "diplomacia botánica". "É unha diplomacia marabillosa -engadiu-. Comunicarn0s, regalarnos a través das plantas é algo marabilloso porque nos estamos entregando mutuamente terra, as raíces do que vén de abaixo. Este regalo simboliza esa relación que temos a partir de agora, que nace de abaixo, da raíz e aspira a subir o que poidamos".

Pola súa banda, a deputada María Ortega agregou que "amais de ser de todas e de todos, Rosalía é todo: é cultura, é lingua, é ecosistema, é arbore" e apuntou que a colaboración entre ambas institucións continuará en outono coa plantación "dunha filla da figueira de Rosalía" nos xardíns do Pazo Provincial. Ortega quixo recoñecer así mesmo a colaboración da fundación "para poñer en valor mais se cabe a Rosalía, sobre todo coas crianzas, a través das actividades que estamos comezando a realizar, traendo os centros educativos á Casa de Rosalía para que coñezan as nosas raíces".

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.