Noticias

A Deputación fai entrega dunha nave no polígono de Barro a Carlos Conde, gañador do premio de AJE Pontevedra

O deputado provincial Javier Dios fixo entrega das chaves da nave que poderá ser utilizada por "Carlos Conde Peluqueros" durante un ano con opción a prorrogalo dous máis


03 xaneiro 2018
AJE Pontevedra

O deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, acudiu hoxe no polígono industrial de Barro, xunto ao presidente de AJE Pontevedra Pablo Fernández, ao acto de entrega da nave que lle corresponde a Carlos Conde como gañador do premio Novo Empresario do Ano 2017.

O beneficiario desta nave durante un ano é Carlos Conde, propietario dunha cadea de barberías para homes que abriu o seu primeiro establecemento hai vinte anos. Actualmente conta cunha trintena de barberías en Galicia, Asturias, Castela e León, Madrid, Comunidade Valenciana, Castela A Mancha e Estremadura.

No acto de entrega das chaves da nave, Javier Dios afirmou que "para a Deputación de Pontevedra é un orgullo poder colaborar en accións como esta de apoio ás empresas".

O premio que obtivo o empresario, que fora anunciado no mes de novembro, consistía nunha nave ou oficina no polígono industrial de Barro durante un ano, prorrogable a dous, ademais dun computador persoal, unha bolsa para cursar un MBA, un ano de afiliación a AJE Pontevedra e unha escultura conmemorativa.

Pola súa banda, o propietario de Carlos Conde sinalou que "este espazo necesitabámolo porque tiñamos unha nave que xa nos quedaba pequena e virá moi ben para almacenar stock de mobiliario e produtos que empregamos diariamente nos nosos locais".

O premio "Xove empresario do Ano", impulsado por AJE Pontevedra, ten por obxectivos promover a cultura emprendedora, a innovación empresarial, a creación de emprego e a internacionalización das pemes, galardoando a aquelas persoas emprendedoras mozas que contribúen a crear riqueza e emprego na nosa provincia. Así, serán obxecto de galardón as ideas de negocio lideradas pola mocidade da nosa provincia e que sexan viables técnica e economicamente.