A Deputación fai posible cunha achega de máis de 256.000 euros que Marín abra unha nova rúa “tras moitos anos” sen facelo

Carmela Silva: “Foi unha grande idea derrubar o muro que convertía a travesía República Arxentina nun fondo de saco”

10/08/2022

Apertura da nova vía en Marín  

Marín gaña unha nova rúa no corazón do seu núcleo urbano. Dende hoxe conta cunha vía de nova apertura que permite conectar as rúas República Arxentina e Inferniño ofrecendo á veciñanza un espazo de tránsito máis seguro grazas ao modelo de mobilidade amable impulsado pola institución provincial. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada da alcaldesa, María Ramallo; do deputado de Cooperación Santos Héctor e de representantes da Corporación Municipal visitou esta actuación, que conta cun investimento provincial de 256.407 euros a través do Plan Concellos.

Carmela Silva celebrou a inauguración lembrando que "había moito tempo que en Marín non se abría unha rúa nova". Tamén aplaudiu especialmente a idea de "derribar o muro que se interpoñía na metade deste viario para así poder completala coa unión coa rúa Inferniño: "sen ese muro, esta travesía permite que a xente poida moverse nun espazo peonil, cunhas beirarrúas de 2,5 metros de anchura. Un espazo moi amplo no que se aposta porque a xente sexa a protagonista".

A presidenta tamén salientou que esta non só é unha obra de mobilidade amable senón "respectuosa co medio ambiente", pois canalizouse adecuadamente un regato, ademais da calidade da execución, con servizos soterrados "que non se ven" para alcanzar "esta estética urbana de alta calidade". Fixo, ademais, fincapé no "cambio radical" na imaxe desta zona. "Esta é outra travesía e non a que había, cun muro". "Unha mellora que únese a outras actuacións realizadas que permiten que esta contorna teña esta transformación para que a veciñanza teña máis calidade de vida".

Finalmente destacou a importante aposta por parte da institución provincial por un novidoso modelo de mobilidade amable que "está sendo unha grande referencia". Recoñeceu a labor e o compromiso das alcaldesas e os alcaldes que "é o que permite este cambio. Deberíamos poñer mais en valor o traballo que fai mundo local que é o que esta facendo as mellores e as máis grandes transformacións, quen está tendo realmente un compromiso por entender a vida nos concellos dende o que son as súas competencias e as que non o son".

Pola súa banda, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou a importancia da obra " non tanto pola lonxitude, senón polo que supón para esta contorna, unha contorna céntrica que estaba sen desenvolver". Tamén remarcou a importancia da nova anchura das beirarrúas que aporta seguridade á veciñanza nunha zona onde se atopa un colexio e un instituto e "permite cambiar a calidade de vida dos que viven aquí e dos que pasamos por aquí. Agora si que se pode dicir con plena convicción que é unha rúa; antes era un cacho de rúa. Este tipo de melloras fan cidade e benefician a todos os veciños de Marín". "

A obra consistiu na urbanización do tramo pendente da travesía para completar a conexión entre República Arxentina e Inferniño. Dotouse de uniformidade e de todos os servizos ao viario. Amais dos traballos de roza e acondicionamento da parcela sen urbanizar, derribouse o muro que separaba a parte urbanizada do resto, así como as edificacións que se atopaban en estado ruinoso. As labores de humanización incluíron a dotación dos servizos públicos de saneamento e recollida de augas pluviais, abastecemento, alumeado público, electricidade, telefonía e rede de distribución de gas.

A nova travesía conta con 110 metros de longo reordenándose un espazo do centro urbano que estaba sen aproveitar e que mellora o aspecto e funcionalidade da zona. Conta cun só carril de sentido único e catro metros de ancho, con carril de estacionamento en liña na marxe dereita de dous metros de ancho e beirarrúas cun ancho de 2,5 metros.

Galerias de imaxes

videos