A Deputación festexará o “Día do Teatro con Mimo” con dúas funcións para todos os públicos, cuxas inscricións xa están abertas

A cita terá lugar o venres 25 na explanada dianteira do Pazo Provincial coas obras “A gran viaxe”, de Inventi Teatro, e “Ghop!”, de Teatro ó Cubo

18/03/2022

A Deputación de Pontevedra volve a poñerse a carón da cultura coa celebración do Día do Teatro, que cada ano se festexa o 27 de marzo. Para conmemorar esta data, apoiar ao colectivo profesional que traballa neste eido e dar visibilidade a un sector que tanto precisa da proximidade do público, a institución provincial celebrará o “Día do Teatro con Mimo”.  A cita terá lugar o venres 25 de marzo con dúas funcións dirixidas ao público familiar que se levarán a cabo na explanada dianteira do Pazo Provincial, onde se colocarán cadeiras para o seu desfrute. Alí poderán verse “A gran viaxe”, de Inventi Teatro, e “Ghop!”, de Teatro ó Cubo. Para gozar destas pezas, que en caso de chuvia se escenificarán no Salón de Plenos, tan só hai que inscribirse enviando un mail a participa.cultura@depo.gal.

Así, ás 17.00 horas sairán a escena as e os compoñentes de Inventi Teatro para amosar “A gran viaxe”, unha espectáculo de rúa visual que durará aproximadamente 45 minutos. A peza narra a historia da capitana Centella e o doutor Potasio, que chegan á Terra en busca de Ziscornio, o elemento necesario para salvar o seu planeta. Cando xa parece que o problema está resolto  comezan os problemas e Centella e Potasio non saben se poderán regresar á súa casa.

Teatro ó Cubo collerá o relevo ás 19.00 horas con “Ghop!”, un espectáculo participativo e cheo de humor que terá unha duración aproximada de 60 minutos. “Ghop!” levará á Avenida de Montero Ríos unha función coa estética clásica dos circos ambulantes que no pasado percorrían as prazas dos pobos e aldeas e chea de malabares, monicreques, acrobacias e pinceladas de maxia.