Noticias

A Deputación finaliza en Silleda as campañas sustentables para o control da acacia e o impulso ao cultivo de froitos do bosque

A institución provincial desenvolveu esta iniciativa en colaboración coa Federación Galega de Medio Ambiente e a Asociación Sectorial Forestal Galega


11 setembro 2019
Campaña acacias froitos do vosque Silleda

A Deputación de Pontevedra pechou esta semana en Silleda as campañas que desenvolveu este verán para o control da mimosa (Acacia dealbata L.) e a promoción do cultivo dos froitos do bosque, en colaboración coa  Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e a Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA). Estas campañas están enmarcadas nas políticas de sustentabilidade e medio ambiente cara á transición ecolóxica.

Desde a posta en marcha das campañas no pasado mes de agosto, o posto informativo da Deputación visitou as localidades de Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Caldas de Reis, Cambados, As Neves, Nigrán, Lalín, Forcarei e Catoira, para rematar hoxe en Silleda. A deputada provincial Iria Lamas visitou nesta última cita na localidade dezá o posto informativo das campañas, onde o persoal lle ofreceu ao público atención especializada e repartiu dípticos e información relevante sobre estes temas que tamén se puido visualizar nos paneis informativos.

A institución provincial dedicou 37.000 euros ao convenio con FEGAMA para a sensibilización contra a acacia. O obxectivo da campaña non era só informar a poboación sobre os efectos das especies exóticas invasoras na biodiversidade, os servizos, os ecosistemas, as infraestruturas e a saúde, senón tamén espertar o interese das e dos propietarios forestais particulares e das comunidades de montes en man común para previr e controlar a expansión desta especie. A Acacia dealbata L., coñecida como mimosa, acacia ou acacia francesa, é unha ameaza para os ecosistemas, hábitats e especies, especialmente na provincia pontevedresa. A árbore transforma o hábitat con gran rapidez e impide a rexeneración da vexetación natural destruída, sobre todo despois dos incendios forestais.

Por outra banda, o convenio con ASEFOGA tiña como obxecto impulsar o cultivo sustentable de froitos do bosque en terras abandonadas. A Deputación destinou 36.000 euros a promover o cultivo sustentable, mellorar o coñecemento dos froitos do bosque (amoras, arandos ou framboesas) e facer fincapé na importancia ambiental da recuperación das parcelas agrícolas e forestais en desuso.

Este programa estaba dirixido ás persoas emprendedoras do sector agroforestal e tamén á poboación en xeral, tanto á do medio urbano como á do rural, posto que o aproveitamento agrario do solo é unha estratexia valiosa contra os incendios e mellora a calidade da paisaxe e a riqueza de especies animais e vexetais, ao tempo que fomenta a creación de emprego no rural.