Noticias

A Deputación finaliza o acondicionamento da estrada EP-5003 na Lomba, no concello de Arbo

A institución provincial destinou a este proxecto preto de 200.000 euros


03 agosto 2019
Arbo

A Deputación de Pontevedra acaba de concluír as obras de acondicionamento da estrada EP-5003 no lugar da Lomba, no concello de Arbo. Nestes traballos a institución provincial abordou a renovación da pavimentación desta vía, así como a dotación de servizos no devandito lugar.

A obra, que tiña un orzamento de licitación de 233.091,59 euros, fóralle adxudicada á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela S. L. por 184.608,54 euros. Entre outras actuacións, o acondicionamento incluíu a renovación das sendas peonís, así como da rede de abastecemento e da súa dotación nun treito no que non existía coa execución dun pozo de bombeo. Tamén se dispuxeron canalizacións para a rede de telecomunicacións e de enerxía eléctrica e a dotación de iluminación con luminarias LED. Por último, abordouse a sinalización horizontal e vertical nesta zona.