Noticias

A Deputación financia seis novas actuacións na comarca de Pontevedra coa liña 1 do Plan Concellos 2019

Con preto de 240.000 euros levaranse a cabo obras de mellora e acondicionamento de espazos e servizos públicos en Vilaboa, Cuntis, Moraña, Marín, Caldas de Reis e Ponte Caldelas


14 abril 2019
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra aprobou, mediante resolucións presidenciais, seis novos investimentos a comarca de Pontevedra ao abeiro da liña 1 do Plan Concellos 2019 por un total de 237.710,26 euros. En concreto, vanse a realizar actuacións nos concellos de Vilaboa, Cuntis, Moraña, Marín, Caldas de Reis e Ponte Caldelas.

Máis polo miúdo, destinaranse 22.882,04 euros a Vilaboa para a instalación e reposición de liñas e postes de alumeado público nos lugares de Santa Cristina de Cobres e Bértola; 46.245,27 euros a Cuntis para a substitución dunha pasarela de madeira sobre o río Gallo ao seu paso pola vila; 57.560,49 euros a Moraña para a reposición de pavimento e execución de Gavias; outros 34.334,90 euros a Marín para a mellora e renovación da iluminación pública exterior da rúa Lameira; 53.675,11 euros a Caldas de Reis para a execución do investimento no proxecto de acondicionamento da Vía Verde do Salnés, Fase I; e, por último, 23.012,45 euros a Ponte Caldelas para a ampliación de beirarrúas e instalación de fonte no casco urbano da vila.