Noticias

A Deputación impulsa "Defensoras de dereitos" un ciclo de charlas e accións de comercio xusto para "entender as desigualdades e poder mudar a realidade"

O programa contará coa presenza de tres activistas feministas e defensoras dos dereitos humanos de Colombia e Nicaragua e enmárcase nos Días Europeos de Solidariedade Local


15 novembro 2019
Defensoras de dereitos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer a posta en marcha, en colaboración coa Coordinadora Galega de ONGs, do programa "Defensoras de dereitos", un ciclo de charlas e xornadas de comercio xusto que arrancan o 19 de novembro en Vilagarcía de Arousa e se estenderán ata o 28 de novembro en Marín para "fomentar a comprensión das desigualdades e mudar a realidade". A actuación, enmárcase nos Días Europeos de Solidariedade Local que promove a Rede Europea de Gobernos Locais e Rexionais para o Desenvolvemento, "PLATFORMA", á que se acaba de adherir a Deputación de Pontevedra. "Falamos dunha rede que se ten convertido nun referente na defensa e visibilidade da cooperación descentralizada europea ao desenvolvemento sostible e nós queremos poñer aos concellos e entidades locais no centro da posibilidade de acadar os ODS", asegurou Carmela Silva.

No marco da Rede Europea entre hoxe e ata o día 30 de novembro teñen lugar os Días Europeos de Solidariedade Local, nos que, segundo informou a presidenta provincial, "se vai poñer en valor o papel das entidades locais en relación cos valores de solidariedade, cidadanía global e desenvolvemento sustentable". Neste contexto, o Goberno da Deputación impulsa a acción "Defensoras de dereitos", encamiñada á sensibilización e concienciación da poboación da provincia sobre os retos sociais e a desigualdade entre mulleres e homes que existe no mundo. O obxectivo é, tal e como detallou Silva, "fomentar a comprensión das desigualdades e inxustizas sociais, amosar como o xénero e outras cuestións transversais, como a etnia, clase social ou o medio, determinan as desigualdades e como podemos, a través da nosa participación, mudar a realidade".

Ao través de "Defensoras de dereitos" preténdese "promover o coñecemento das causas e consecuencias globais que obrigan a activistas defensoras de Dereitos Humanos de América Latina a exiliarse e acollerse a programas de protección internacional e/ou a solicitar asilo noutros países". Para elo vanse organizar charlas-coloquio en Vilagarcía de Arousa, Redondela, Bueu e Cuntis (entre o 19 e o 22 de novembro) que se completarán con actividades de comercio xusto en Poio, Nigrán e Marín (entre o 24 e 28 de novembro).

A charla "Defensoras de dereitos. A loita comunitaria das mulleres en Colombia e Nicaragua", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Alicia Valencia Cuetia, terá lugar en Vilagarcía de Arousa o 19 de novembro, ás 19.00 horas, no Salón García e tamén en Redondela o 20 de novembro, ás 19.00 horas, na casa da cultura. Pola súa banda "Violencias sexuais: da denuncia individual á acción colectiva", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina e Lola Ferreiro, terá lugar o 21 de novembro, ás 19.00 horas, na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu. Finalmente a conferencia "A resistencia de Nicaragua desde o exilio", a cargo de Georgina de los Ángeles Molina Rivera e Tamara Iyas Morales Orozco, desenvolverase en Cuntis o 22 de novembro, ás 19.00 horas, na Biblioteca Municipal Roberto Blanco Torres.

As tres mulleres participantes nas charlas son activistas feministas e defensoras de dereitos humanos. Georgina de los Ángeles Molina provén de Nicaragua e é unha psicóloga especialista en tratamento e acompañamento de agresións e abusos sexuais que fuxiu do seu país como consecuencia da represión do goberno de Ortega. No caso de Alicia Valencia, que provén do pobo Nasa (Colombia), foi membro da Asociación de Cabilos Indíxenas e da Garda Indíxena e autoridade indíxena do territorio de Corinto. A terceira participante, Tamara Iyas Morales é unha xornalista nicaragüense (dirixe o blog Ciudalatina) que apoia a plataforma SosNicaraguaEspaña como parte da súa resistencia fronte ás violacións de dereitos humanos cometidas por Ortega.

As charlas complementaranse con actividades de comercio xusto entre as que se inclúen unha feira, un showcooking e obradoiros infantís e xuvenís en Combarro (Poio), Nigrán e Marín. Deste xeito o 24 de novembro terá lugar a feira Comercio con Sentido na praza Rualeira de Combarro (entre as 11.00 e as 14.00 horas) e o showcooking Cociñando Comercio Xusto na Escola do Campo, ás 12.30 horas. O día 26 de novembro no CEIP Chancelas (Poio), ás 10.00 horas, terá lugar o obradoiro infantil Coñecendo o Comercio Xusto a través da Cociña.

As actividades en Nigrán terán lugar o 27 de novembro. A feira Comercio con Sentido será, ás 9.30 horas, no CEIP Arquitecto Palacios e tamén alí, pero ás 12.00 horas, desenvolverase o obradoiro infantil Coñecendo o Comercio Xusto a través da Cociña. Pola súa banda o showcooking Cociñando Comercio Xusto, terá lugar ese mesmo día ás 10.30 no CEE de Panxón.                                                                                           

Finalmente en Marín todas as actividades se desenvolverán o 28 de novembro. A feira Comercio con Sentido terá lugar no IES Chan do Monte, ás 10.00 horas, e ás 9.10 horas (no mesmo centro) o obradoiro xuvenil Vaia Tea. O showcooking Cociñando con Comercio Xusto será tamén o mesmo día, ás 19.00 horas, no Ateneo Santa Cecilia de Marín.

Fotos

Audios

  • Audio