A Deputación inaugura en Vigo a instalación “Un bel di vedremo” na que a artista Pilar Alonso reflexiona sobre os límites da intimidade

A mostra foi creada de xeito específico para a Sala Maruja Mallo da sede viguesa onde poderá visitarse ata o 22 de xullo

27/05/2022

'Un bel di vedremo' na Sede da Deputación en Vigo  

A portada dun disco de "Madame Butterfly", de Puccini, foi a inspiración da artista Pilar Alonso para crear "Un bel di vedremo", unha instalación artística efémera sobre a intimidade que pode visitarse ata o 22 de xullo na Sala Maruja Mallo da Sede da Deputación en Vigo. A obra, que toma o seu nome dunha das arias desta ópera, foi inaugurada esta tarde pola presidenta, Carmela Silva, xunto a deputadas e deputados e integrantes de asociacións de igualdade e da cultura da cidade , que desfrutaron dun solo de danza no que a bailarina Rut Balbís interactuou coa instalación de Pilar Alonso.

Carmela Silva animou a toda a cidadanía a achegarse á Sala Maruja Mallo para coñecer a instalación, "que foi creada de xeito específico para este lugar, polo que esta é unha oportunidade única para desfrutar dela". "Esta mostra, dixo, fala da intimidade e invítanos a reflexionar sobre os seus límites, uns límites que marcamos nós, cos nosos actos diarios e que en moitas ocasións se ven crebados pola intromisión doutras persoas", relatou a presidenta, quen sinalou que "cada quen ten potestade sobre a súa propia intimidade e ninguén ten dereito a entremeterse nela sen o noso consentimento". Carmela Silva tamén agradeceu a Pilar Alonso o "excelente traballo realizado" xa que "mulleres coma ti deixan claro que nós, que somos a metade da poboación, temos un enorme potencial e a túa arte amosa a revolución cultural que estamos a vivir en Galicia, especialmente nesta provincia, unha revolución na que as mulleres somos a punta de lanza".

A artista, Pilar Alonso, agradeceu á Deputación "a invitación para realizar esta exposición e a súa colaboración e apoio" e na súa intervención falou sobre os xardíns "que sempre me acompañaron e me acompañan e que identifico coa miña intimidade". Os xardíns aos que se referiu atópanse nos no seu Vigo natal e en Tomiño, un concello que "non foi un sitio escollido a man tenta, foi o sitio quen me escolleu a min porque alí atopei o xardín agochado máis grande de todos". Tamén falou do "xardín rosado" referíndose á portada do disco da ópera "Madame Butterfly" na que poden verse a unha muller parcialmente agochada por un abano e polas pólas florecidas dun magnolio rosado.

"Un bel di vedremo" é unha obra "site-specific", é dicir, deseñada de xeito específico para a Sala Maruja Mallo. A instalación consta de dúas partes que se complementan para reflexionar sobre a concepción da intimidade que se ten hoxe en día e que se ve vinculada ao emprego das redes sociais. Na primeira das partes pode verse unha estrutura composta por varios marcos de madeira que acollen collages feitos con refugallo, fotografías, pinturas e outros elementos como telas de gasa, coas que Pilar Alonso deixa ver e entrever a realidade. A segunda parte da instalación ten forma circular e conxúgase como un abano feito de cartón cuxas pezas xiran sobre si mesmas permiten ao público interaccionar con elas. Co movemento destas pezas as persoas que acudiron á inauguración da instalación puideron coñecer o que este círculo agocha no seu interior, afondando así intimidade de Pilar Alonso. Deste xeito, observaron a portada dun disco da ópera "Madame Butterfly" que serviu de inspiración á artista.

A colaboración de Pilar Alonso coa Deputación completarase co obradoiro "O oculto e o visible. Outras formas de contar" que se celebrará os días 13 e 14 de xuño, dirixido a persoas maiores de 16 anos. Nel a artista afondará nas historias da rúa Eduardo Chao e as rúas da súa contorna e porá en valor as persoas que habitan a cidade de Vigo a través da técnica de arte urbano do "paste-up". As persoas que desexen inscribirse tan so teñen que enviar un mail a participa.cultura@depo.es

Galerias de imaxes

videos