Noticias

A Deputación de Pontevedra inicia as obras de acondicionamento do acceso á ponte de Monte Porreiro

A empresa E. C. Casas comezou coa instalación e pintado dos pasos de peóns sobreelevado e redutores físicos de velocidade


24 xaneiro 2020
Pintado estrada Monte porreiro

A Deputación de Pontevedra acaba de iniciar as obras de acondicionamento do acceso á ponte das Palabras en Monte Porreiro. A empresa E. C. Casas, adxudicataria dos traballos por 48.000 euros, comezou a instalación de novos elementos de calmado de tráfico así como do seu pintado, aproveitando o bo tempo

A necesidade de mellorar a sinalización horizontal e o calmado de tráfico no acceso da ponte de Monte Porreiro, desde a rotonda da intersección da avenida Médico Ballina e a N-550 á ponte fora solicitada polo Concello de Pontevedra logo de constatar deficiencias na estrada contestando así ás queixas reiteradas da veciñanza do contorno e persoas usuarias da vía.

O Servizo de Mobilidade da Deputación realizou unha inspección e comprobou o estado de conservación deficiente da vía polo borrado case absoluto das liñas lonxitudinais. Tamén comprobou que existían dúas interseccións con pasos de peóns que se estimaba conveniente protexer mediante actuacións para a redución de velocidade, xa que existía unha situación de perigo de accidente para as persoas usuarias.

Dado que se trata dun viario construído ao amparo do convenio de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Pontevedra subscrito en febreiro de 2008, e de cara a entrega patrimonial do ben, a institución provincial recoñeceu a súa responsabilidade nos traballos e puxo en marcha a licitación para executar as obras de posta a punto.

A obra foi oficialmente contratada o mes de novembro, mais foi necesario asinar un acta negativa de inicio de obra polo mal tempo. A paralización levantouse estes días para aproveitar a ausencia de chuvia, e os operarios están a levantar un redutor de velocidade no treito entre a glorieta na N-550 e a glorieta da estrada a Campo Lameiro para substituílo por un paso de peóns sobreelevado (PPS) que facilitará o tránsito peonil seguro á hora de cruzar a estrada. Tamén se está a instalar un redutor de velocidade na entrada do no seguinte treito, que leva á ponte. As dúas construcións están sendo pintadas para a súa correcta identificación por parte de condutores e viandantes.

Ademais dos elementos de calmado de tráfico, no contrato con E. C. Casas tamén se inclúe unha roza de noiros en todo o percorrido, a mellora da sinalización vertical, a reposición das pilonas de caucho da ponte que están rotas, e tamén o tratamento para marcar a senda peonil e ciclista.

Os traballos da senda, no entanto, non se poderán executar de inmediato, xa que o material necesario para o tratamento superficial en cor vermella do itinerario –unha leitada bituminosa coñecida como ‘slurry'– non se pode aplicar nin con frío nin con chuvia, precisando varios días seguidos de bo tempo para asentar correctamente e garantir a súa durabilidade. Esa situación obrigará a agardar á primavera para facer a obra, corrixir todas as deficiencias e entregar definitivamente o viario ao Concello en boas condicións.