Noticias

A Deputación inicia as obras para arranxar os problemas do muro de contención na EP-0018 ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Xeve

A institución provincial contrata a obra para a estrada provincial por un orzamento estimado de 100.000 euros á empresa Manten, S. L.


08 outubro 2019
Estrada Xeve

A Deputación de Pontevedra comezou esta semana as obras para solucionar a caída dun muro de contención na EP-0018 Xeve-Amil-A Espedregueira, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Xeve, exactamente no punto quilométrico 2+700.

Mediante esta obra, estimada en 100.000 euros e adxudicada á empresa Manten, S. L, se está a executar un novo muro de contención do noiro afectado, cimentándose sobre terreo competente e con capacidade portante suficiente que permita reconstruír a estrada ata a súa cota inicial.

Esta actuación de carácter urxente lévase a cabo despois de que a avaliación técnica estimase que, ademais do importante derrubamento, o resto do treito do viario estaba seriamente danado e con risco para a seguridade viaria da zona afectada, tendo en conta ademais que o desnivel existente entre o pé do noiro e a estrada provincial chega aos 5 metros de altura, podendo afectar á zona de circulación e as propiedades contiguas.