Noticias

A Deputación de Pontevedra intensifica medios e esforzos no mantemento das estradas da rede provincial ante a complexa situación derivada da vaga de frío

As brigadas de mantemento e conservación, así como as empresas contratadas, xa esparexeron case 200 toneladas de sal para facer fronte ás xeadas producidas e atenderon na última semana preto de setenta incidencias


12 xaneiro 2021
Vaga de frío

A Deputación de Pontevedra mantén un intenso operativo para garantir o mantemento e a seguridade no viario provincial con motivo da complexa situación derivada da vaga de frío rexistrada nos últimos días. Deste xeito, os parques provinciais de maquinaria continúan a traballar intensamente ao longo dos 1.700 quilómetros das estradas da rede da Deputación e atenderon xa na última semana preto de setenta incidencias.

Practicamente a totalidade destas incidencias foron motivadas por duras xeadas nas tres zonas de actuación (norte, centro e sur) en que a Deputación divide a provincia, especialmente na zona norte onde se están a rexistrar as temperaturas máis baixas. As brigadas de mantemento e conservación dispoñen das provisións necesarias de sal para protexer a rede de estradas provinciais destes episodios de frío mediante maquinaria dotada de esparexedores. Debido aos baixos rexistros dos últimos días xa foron consumidas más de 190 toneladas para facer fronte ás xeadas producidas na rede de estradas e realizáronse percorridos preventivos de estendido de sal na case totalidade do viario provincial.

Con respecto ás incidencias, a maior parte producíronse nas zonas norte (Cerdedo, Dozón, A Estrada, Forcarei, Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e centro (A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Cotobade, Cuntis, Catoira, Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Poio, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Redondela, Valga, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa), nas que houbo unha trintena de actuacións. En menor medida afectaron á zona sur (Arbo, A Cañiza, Covelo, Crecente, Gondomar, A Guarda, Mondariz, Mondariz-Balneario, O Porriño, Ponteareas, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui, Vigo, As Neves, Oia, Nigrán, Baiona e Mos), con 14 intervencións.

Dada a previsión para estes próximos días, nestes momentos están dispoñibles máis de 120 toneladas de sal gardadas nos parques de Ponteareas, Gondomar, Pontevedra, Codeseda (A Estrada) e Lalín. En canto á maquinaria, cóntase con seis esparexedores de sal instalados nos correspondentes camións e catro coitelas quitaneves a empregar en caso necesario.

Continuas actuacións preventivas

Por mor dos fenómenos extremos que se están a padecer, a situación está a ser moi complexa pese as continuas actuacións preventivas que están a realizar os medios da Deputación esparexendo sal tanto a primeira hora da mañá como a última da tarde en toda a rede para evitar placas de xeo na calzada e garantir a seguranza viaria. Zonas pouco habituais pola afección do frío e as xeadas estanse a ver tamén afectadas, polo que se intensificaron os esforzos tanto en medios humanos como materiais.

O operativo provincial ten mobilizado a preto de oitenta persoas. A maiores, participan os coordinadores de brigadas e o demais persoal técnico da institución provincial. Cabe lembrar que as brigadas están a traballar en horario de mañá, de tarde, e de garda localizada durante a noite para atender incidencias chegadas desde o servizo de vixilancia da Deputación, que recibe avisos tanto desde o 112, dos concellos, de policías locais e incluso da propia veciñanza.