A Deputación inviste case un millón de euros no primeiro camiño escolar seguro de Ponteareas

O CEIP Ramiro Sabell e outros centros da súa contorna pasarán cunha contorna amable para as persoas que camiñan da man do plan provincial ReacPon

26/08/2022

Visita Ponteareas  

A colaboración da Deputación permitirá ao Concello de Ponteareas facer realidade o primeiro camiño escolar seguro na contorna do CEIP Ramiro Sabell, dando así resposta á petición formulada por toda a comunidade educativa. A transformación deste espazo, que na actualidade se atopa degradado, será financiada pola Adminsitración provincial cun orzamento de 963.527 euros. As achegas do plan ReacPon (722.645 euros) e do Plan Concellos (240.882 euros) permitiron a licitación da obra. Ata a zona desprazáronse o deputado provincial Carlos Font e a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, que destacaron a importancia da recuperación do espazo público nun ámbito tan sensible.

Entre as actuacións que se están a realizar destaca a creación de tres plataformas únicas, é dicir espazos a un único nivel, con prioridade peonil e tráfico rodado limitado. Unha delas situarase na EP-4001 entre a avenida de Galicia e a rúa das Camelias, que creará un novo espazo peonil para dar pulo ao comercio local. A segunda das plataformas acometerase na mesma estrada provincial entre a rúa das Camelias e a rúa dos Nardos, e converterase nunha prolongación da anterior que, ademais, integrará o parque Ferro Ucha. A terceira das plataformas levarase a cabo entre a rúa Nardos e Feliciano Barrera, que dá acceso aos IES Val do Tea e Pedra de Auga.

Peonalización das rúas do Forno e dos Nardos

Os fondos da Deputación de Pontevedra servirán tamén para levar a cabo a peonalización completa da rúa Forno Telleiro e rúa dos Nardos. E entre esta última e o CEIP Ramiro Sabell procederase á reforma da sección viaria para mellorar a seguridade, crearase unha beirarrúa de 4,50 metros de ancho cun único carril de circulación e un aparcadoiro nunha das marxes. As actuacións neste tramo completaranse coa plantación de case 200 árbores. Ademais, na rúa de acceso ao CEIP Ramiro Sabell modificarase a sección para dotar de maior seguridade viaria ao acceso ao centro.

O itinerario beneficiará a máis de 1.500 escolares -amais de persoal- do CEIP Ramiro Sabell e dos IES Val do Tea, Pedra de Auga e Barral tralas implicación activa da comunidade educativa do primeiro destes centros. A idea da creación deste itinerario xurdiu dun proceso participativo no que se deu prioridade ao fomento da autonomía da rapazada e a creación dunha contorna amigable, segura, saudable, divertida e atractiva.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.