Noticias

A Deputación de Pontevedra inviste máis de 820.000 euros na mellora da seguridade viaria da EP-5003 A Cañiza-Arbo

A Xunta de Goberno adxudicou o proxecto desta actuación, que inclúe a reordenación da explanada nas inmediacións do colexio de Valeixe (A Cañiza) para dotar de maior seguridade á zona


13 xaneiro 2020
Mellora EP-5003

O Goberno de Carmela Silva aprobou a adxudicación das obras de reposición do firme e mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP 5003, que transcorre polos termos municipais da Cañiza e Arbo e ten unha lonxitude total de 12,3 quilómetros. En total, a Deputación de Pontevedra vai investir máis de 820.000 euros na mellora da seguridade viaria deste tramo, que inclúe a reordenación da explanada nas inmediacións do colexio de Valeixe, no concello da Cañiza.

As obras adxudicáronse a Construcciones, Obras y Viales, S. A., cun prezo de licitación de 824.219,85 euros e un prazo de execución das obras de seis meses desde a formalización do contrato. Máis polo miúdo, os traballos a realizar na EP-5003 consistirán no fresado e reposición de firme en varios treitos, que constitúen a maior parte da estrada, e nun dos tramos executarase unha capa de microaglomerado en frío. Por outra banda, revisarase a sinalización vertical de velocidade, elevaranse varios dos pasos de peóns existentes e estreitaranse os carrís na proximidade dos pasos de peóns, coa finalidade de calmar o tráfico.

Ademais, reordenarase a explanada existente nas inmediacións do colexio de Valeixe, no concello da Cañiza, para mellorar a seguridade da zona. Deste xeito, configurarase unha senda peonil, unha zona de estacionamento de coches e outra para autobuses e executarase unha beirarrúa na entrada do centro, que dará acceso a un dos pasos de peóns sobreelevados e permitirá unha maior seguridade na entrada e saída do colexio. Tamén, desde o colexio e ata o punto quilométrico 8+975, farase unha redistribución dos espazos, deixando carrís de tres metros de ancho e a beiravía esquerda dun metro, de xeito que quede unha senda pola marxe dereita para favorecer o tránsito peonil.

Este proxecto forma parte dun paquete de diversas melloras nas estradas provinciais en cinco concellos (A Cañiza, Arbo, A Guarda, A Lama e O Grove), que a Deputación aprobou o pasado ano por un montante global de dous millóns de euros. En liñas xerais, os traballos que se van acometer van destinados a consolidar o modelo de estradas que ten en marcha a institución provincial para recuperar a seguridade viaria, a mobilidade peonil e os espazos públicos para a cidadanía, no marco do modelo de mobilidade impulsado pola Deputación de Pontevedra.