Noticias

A Deputación inviste un millón de euros nas obras de conservación do firme de varios tramos de estradas da rede viaria provincial

Carmela Silva anunciou a adxudicación destes traballos "fundamentais para a seguridade viaria", que se executarán en vías de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Cangas, Marín, Bueu, Caldas, Portas, Moraña e Campo Lameiro


02 agosto 2019
Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra vai investir ata finais deste ano 1.026.332,27 euros nas obras de conservación de firmes en tramos das distintas estradas da rede viaria provincial, como informou hoxe a presidenta, Carmela Silva, quen destacou que estes traballos "son fundamentais para a seguridade viaria". Así, a institución segue a súa aposta de manter as vías provinciais nun estado perfecto de mantemento.

As obras, que inclúen traballos de saneamento, fresado e reposición de firmes, a aplicación dunha capa de microaglomerado en frío e a reposición da sinalización horizontal, foron adxudicadas á empresa Ovisa Pavimentos e Obras, S. L. e o prazo de execución é de catro meses. Os traballos realizaranse en 35 tramos de estradas dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Cangas, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro.

Máis polo miúdo, o tramo máis longo no que realizarán actuacións é un de 10,4 quilómetros da EP8001 Caldas-Carracedo-Catoira, pero tamén están previstos, entre outros, traballos de mellora na EP0103 nun treito de 5,3 quilómetros no lago de Castiñeiras ou nos accesos ás praias de Lapamán, Lagos e Beluso, en Bueu.

Estas obras, como engadiu Silva, realízanse ao abeiro do acordo marco de obras de conservación de firmes nas vías provinciais que puxo en marcha o pasado ano a Deputación de Pontevedra. Por medio deste acordo dividiuse a provincia en cinco zonas, nas que cinco empresas diferentes son responsables das obras de mellora do firme necesarias. Neste caso, os concellos beneficiados son os da zona A, que tamén inclúe Poio e Moaña, aínda que nestes concellos non están previstas obras nos vindeiros catro meses, xa que hai traballos en marcha.

Obras previstas (pdf)

Audios

  • Audio