Noticias

A Deputación lanza a segunda edición de "Voando nas Rías Baixas" e incrementa as rutas ornitolóxicas gratuítas pola provincia de Pontevedra

O programa que comeza en xaneiro e estenderase ata xuño, permitirá coñecer a riqueza ornitolóxica de lugares como o esteiro do Río Miño e a Ramallosa, a enseada de San Simón, a reserva ornitolóxica do Grove, as brañas de Xestoso e a serra do Suído


05 xaneiro 2019
Voando nas Rías Baixas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do coordinador de SEO Birdlife na provincia de Pontevedra, Gustavo Ferreiro, presentou a segunda edición de "Voando nas Rías Baixas", que achegará de xeito totalmente gratuíto ao público interesado a riqueza ornitolóxica da provincia de Pontevedra. Como novidade, tal e como asegurou Silva, "dado o éxito da primeira edición, que esgotou as prazas en canto se abría o prazo de inscrición, este ano decidimos aumentar a oferta e organizar ata cinco rutas ornitolóxicas gratuítas, dúas máis que o ano pasado, por espazos naturais como o esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa, a enseada de San Simón, a reserva ornitolóxica do Grove, as brañas de Xestoso e a serra do Suído".

"Voando nas Rías Baixas" trátase dunha iniciativa impulsada en colaboración con SEO Birdlife, tal e como explicou Carmela Silva, enmarcada no seo das propostas lanzadas ao abeiro do Plan estratéxico de turismo para internacionalizar e desestacionalizar o destino provincia de Pontevedra. De feito, tal e como explicou a presidenta, "non podemos esquecer que o turismo ornitolóxico é unha actividade que desestacionaliza e esperta un grande interese sobre todo entre o público anglosaxón e centroeuropeo". Ademais, a actividade tamén vai en liña con outra das liñas estratéxicas do Plan que formula a necesidade de diversificar o turismo ao tempo que sensibiliza á cidadanía local sobre a preservación dos espazos naturais.

"O noso obxectivo é apostar por un turismo máis amigable, máis respectuoso, que permita poñer en valor os recursos naturais, así como o desenvolvemento turístico e económico sostible en zonas de alto valor ecolóxico, a través da observación e o coñecemento das distintas especies de aves presentes nos mesmos", destacou a presidenta. Neste mesmo eido incidiu Gustavo Ferreiro, que asegurou que o turismo ornitolóxico "é un excelente reclamo para iniciar á xente no goce da natureza e para estender a necesidade de coidar os espazos naturais".

A primeira das rutas terá lugar o 20 de xaneiro no esteiro do Río Miño e a foz da Ramallosa, zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e cunha grande variedade de aves palustres. O prazo de inscrición para esta ruta ábrese o vindeiro mércores, 9 de xaneiro e ata o día 15.

A segunda das rutas terá lugar o 10 de febreiro para observar as aves acuáticas e mariñas da enseada de San Simón. O prazo de inscrición abrirase entre o 28 de xaneiro e o 5 de febreiro.

O 3 de marzo terá lugar a ruta da reserva ornitolóxica do Grove, un espazo protexido pola Rede Natura declarado tamén humedal de importancia internacional, Zona de Especial Interese Comunitario e a reserva ornitolóxica máis grande de España. O prazo de inscrición para participar nesta ruta na que destacan as aves acuáticas invernantes estará aberto do 18 ao 26 de febreiro.

A cuarta ruta desenvolverase o 19 de maio nas brañas de Xestoso, zona declarada de Especial Conservación e protexida pola Rede Natura na que se concentran aves rapaces como a tartaraña cincenta, a gata fornela ou a aguia cobreira. O prazo de inscrición entre o 6 e o 14 de maio.

A quinta ruta terá lugar na serra do Suído o 16 de xuño para observar as grandes rapaces como o voitre leonado, aguia calzada, abelleiro europeo, aguia cobreira ou miñato. Para participar nesta ruta ornitolóxica haberá que inscribirse entre o 3 e o 11 de xuño.

A duración de cada unha das rutas de "Voando nas Rías Baixas" será dunha mañá. Durante a actividade, as e os participantes estarán acompañados/as de dúas persoas monitoras ornitólogas e terán á súa disposición de xeito gratuíto o material óptico, así como unha guía ornitolóxica. As persoas interesadas en participar en cada unha das cinco propostas de "Voando nas Rías Baixas" deberán cubrir, no prazo indicado en cada unha das rutas, un formulario habilitado na páxina web da Deputación. A institución provincial habilitará, de xeito gratuíto e en función da demanda de cada unha das alternativas, o desprazamento para poder participar na actividade.