Noticias

A Deputación de Pontevedra lanza o directorio de "Descúbre-as" que visibiliza as mulleres do sector musical

Carmela Silva, que amosou datos "intolerables" de discriminación das mulleres na industria musical, sinalou que "con este directorio agora ninguén vai a poder dicir que non atopa mulleres para contratar"


05 marzo 2021
Directorio Descubre-as

"Descúbre-as", o proxecto que Regalamúsica está a levar a cabo da man da Deputación de Pontevedra "para visibilizar ás mozas e mulleres da música e rachar coas discriminacións que tamén sofren neste ámbito", conta desde hoxe cunha nova iniciativa: o primeiro directorio de mulleres da industria musical en Galicia que xa pode consultarse no sitio web www.descubreas.com. A presidenta provincial, Carmela Silva, e a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, presentaron hoxe "este mapa creativo que xurde da necesidade de visibilizar ás mulleres na industria musical e reivindicar o seu papel na mesma". "Desde agora, dixo a presidenta, ninguén vai a poder dicir que non atopa mulleres para contratar".

O directorio persegue varios obxectivos entre os que destacan a visibilización das profesionais e o fomento das redes colaborativas. Busca visibilizar tamén a estas mulleres para que a mocidade poida ter referentes femininos e así ser conscientes de que realmente existe unha escena feminina na música. Ademais, quérese que a cidadanía en xeral tamén coñeza o traballo destas mulleres e que non caian en estereotipos. Así, "Descúbre-as" pon á disposición de empresas, asociacións ou institucións públicas e privadas unha longa lista de mulleres que traballan na industria. Neste senso, a presidenta informou de que a Deputación de Pontevedra enviou unha carta a todos os concellos da provincia para que teñan en conta este directorio e contacten coas mulleres que participan en "Descúbre-as" para as súas programacións. Como tamén indicou a coordinadora do proxecto, Olalla Dopico, "queremos que estean todas as mulleres da música de Galicia, tanto do ámbito artístico como de outros eidos profesionais". Ademais, "queremos visibilizar o traballo das escolas e doutros colectivos que están relacionados coa música e tamén coas mulleres".

Programación en marzo

"Descúbre-as" intégrase na programación do 8M da Deputación e neste mes de marzo realizará Conversa e Descubre, un ciclo de charlas nas que profesionais e artistas contarán as súas experiencias e traballos dentro da música. As charlas arrancarán o día 20 cunha sesión na que participarán Mariña Paz (voz en Furious Monkey House); Susana Saavedra (voz en Agoraphobia), Patricia Hermida (mánager) e Raquel Seijo (promotora de Sweet Nocturna). A semana seguinte, o día 26, terá lugar un concerto e a presentación dun vídeo colaborativo no que mozas da provincia interpretarán Matriarcas, de Gaudí Galego, "unha das grandes mulleres da música galega". Con esa iniciativa a Deputación de Pontevedra está a crear unha rede entre as escolas e as mozas coa que se conseguirá formar novos grupos e mesmo chegar a facer pequenos concertos.

Datos intolerables

Carmela Silva puxo sobre a mesa datos sobre a situación das mulleres na música "que sacan a cor a calquera". Exemplo disto é que "só o 37 % das empresas da industria musical están lideradas por mulleres, que no caso das discografías independentes soamente un 14 % contan con figuras femininas ou que as tras grandes multinacionais –Sony, Universal e Warner– non teñen mulleres na súa presidencia". Neste senso, Silva destacou outros datos "intolerables" como que "o 65 % das mulleres traballaron na industria musical sen ningún contrato nin remuneración durante ao menos un ano, que o 35 % estiveron entre un e tres anos traballando sen remuneración ou contrato, e que case o 70 % das mulleres cobran menos do soldo medio dos homes".

A presidenta provincial destacou tamén que moitas experimentaron actitudes sexistas e lembrou o movemento "Me Too", co que as mulleres da cultura denunciaron os acosos sexuais os que estiveron ou están sometidas. Tamén puxo en valor o talento das mulleres dentro da industria musical aportando datos tan relevantes como que "máis do 40 % das profesionais comezaron na música con formación universitaria ou formación de grao superior e con coñecemento de idiomas", e que case un 40 % cursou máster ou formación especializada". Polo tanto, concluíu, "estamos no de sempre, as mulleres son o talento pero non acadan os postos de dirección".

Fotos