A Deputación lanza o Programa de Apoio ao Emprendemento, Crecemento Empresarial e Innovación que amplía a súa oferta formativa

Da man da Fundación Roberto Rivas, Smart Peme estreará a primeira aceleradora de empresas multisectorial, o primeiro programa de crecemento empresarial e a quinta aceleradora do sector turístico

31/08/2022

As e os emprendedores da provincia están de parabéns xa que a Deputación de Pontevedra, ao abeiro do servizo SmartPeme e coa colaboración da Fundación Roberto Rivas, acaba de lanzar o novo Programa de Apoio ao Emprendemento, Crecemento Empresarial e Innovación, que se desenvolverá entre os meses de setembro e decembro e co que ampliará a oferta formativa xa existente. As bases xa están publicadas no BOPPO co que as persoas que queiran participar no programa xa poden inscribirse na sede electrónica da Deputación. Este ano terán, amais, un novo aliciente: todas as iniciativas emprendedoras que participen poderán optar á I edición dos Premios ao Emprendemento SmartPeme que, cunha contía total de 10.500 euros, galardoarán as mellores experiencias empresariais que nazan no marco deste programa.

O programa de Apoio ao Emprendemento, Crecemento Empresarial e Innovación está dirixido tanto as persoas maiores de 16 anos que teñan unha idea empresarial como ás pemes xa existentes na provincia, e formúlase mediante tres eixos vertebradores. Entre eles está a primeira aceleradora de empresas multisectorial SmartPeme, coa que a Deputación abre as portas a iniciativas de todos os sectores. Nela poderán participar negocios incipientes e consistirá nun roteiro formativo sobre o uso das TIC, as redes sociais ou a imaxe corporativa. As formacións terán lugar entre o 12 de setembro e o 11 de novembro e o prazo de inscrición nesta aceleradora pecha este venres, 2 de setembro.

O segundo dos eixos é o primeiro programa de crecemento empresarial, que reforza o tecido empresarial ao dirixirse a proxectos que xa están en marcha e que buscan medrar ou reorientarse. As sesións serán en formato mixto dende o viveiro de Lalín e celebraranse entre o 1 de outubro e o 1 de decembro. O prazo de inscrición remata o 20 de setembro.

O programa de apoio ao emprendemento complétase coa quinta aceleradora do sector turístico. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, está dirixida a profesionais ou empresas turísticas que busquen crecer, ser máis competitivas, mellorar os seus servizos ou poñer en marcha proxectos novos mediante técnicas para mellorar a imaxe ou a estratexia. Esta aceleradora desenvolverase de xeito online entre o 2 de novembro e o 20 de decembro, e o prazo de inscrición pecha o 20 de outubro.

I Premios ao Emprendemento SmartPeme

A Deputación de Pontevedra e a Fundación Roberto Rivas galardoarán as iniciativas que participen nas tres aceleradoras do Programa de Apoio ao Emprendemento coa primeira edición dos Premios ao Emprendemento SmartPeme. Así, para os proxectos participantes na aceleradora multisectorial SmartPeme e para a quinta aceleradora do sector turístico haberá, respectivamente, dous premios de 900 e 600 euros. Pola súa banda, o programa de crecemento empresarial contará con premios á mellor iniciativa con impacto no rural (1.500 €); de colaboración entre participantes (1.000 €); e de crecemento (1.000 €). Ademais, levarase a cabo un concurso de desenvolvemento de solucións innovadoras no que se incentiva o traballo en equipo e a creatividade para afrontar un reto. Neste desafío as persoas participantes terán dúas semanas para desenvolver unha ferramenta tecnolóxica en relación a uns obxectivos propostos. No marco deste concurso as dúas mellores iniciativas recibirán 2.000 euros cada unha.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 14 resultados.