Noticias

A Deputación leva a danza contemporánea e tradicional ás rúas de Pontevedra e Vigo para celebrar o Día Internacional da Danza


28 abril 2021
Día da danza

Este xoves 29 de abril, o exterior do Pazo provincial acollerá, ás 11 da mañá, o espectáculo contemporáneo "Solodados" de Clara Ferrâo

O exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra será escenario este xoves da celebración do Día Internacional da Danza, enmarcada en "Aviventa cultura", a programación que acaba de presentar a institución provincial para este ano 2021, na que tamén se conmemoran de xeito especial datas culturais como as letras, a música, o cinema ou o centenario do falecemento de Pardo Bazán. Así, a explanada de Montero Río, acollerá, ás 11 horas, o espectáculo de danza contemporánea Solodados, de Clara Ferrâo.

Solodados, estreada no Festival "Herdanza" de Santiago de Compostela en setembro de 2020, é un espectáculo de danza contemporánea, de aproximadamente vinte minutos de duración, no que Clara Ferrâo comparte protagonismo co bailarín Leodán Rodríguez. Acompañados da música en vivo de Lkina, amósanse, nun primeiro termo, como autómatas e corpos que loitan e se adestran de xeito illados ata que, finalmente, se descobren e comezan a crear xuntos movementos fluídos e acompasados.

Clara Ferrâo é unha bailarina e coreógrafa tudense titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma de Madrid, coa especialidade de danza contemporánea. Conta con numerosos premios internacionais e nacionais e traballa como docente, bailarina e coreógrafa na compañía Al-badulaque. Ten colaborado en eventos con compañías como Fura dels Baus e como coreógrafa en Shaddai Teatrou ou Cisma danza.

Xunto ao espectáculo Solodados de Clara Ferrâo, a Deputación tamén ten previsto para este xoves, ás 19 horas, un espectáculo de danza tradicional no exterior da sede provincial en Vigo. Neste caso, a agrupación O Fiadeiro se encargará de espallar o baile e a música tradicional galega para pechar os actos de conmemoración do Día Internacional, nos que a danza máis achegada á terra, á tradición, á identidade cultural galega e a vangarda, innovación e experimentación serán protagonistas.

O exterior da sede provincial en Vigo na rúa de Eduardo Chao acollerá, ás 19 horas, o espectáculo tradicional da agrupación O Fiadeiro

O exterior da sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, na rúa de Eduardo Chao do Casco Vello, será escenario este xoves da celebración do Día Internacional da Danza, acto que se enmarca en "Aviventa cultura", a programación que acaba de presentar a institución provincial para este 2021, na que tamén se conmemoran de xeito especial datas culturais como as letras, a música, o cinema ou o centenario do falecemento de Pardo Bazán. Así, este xoves, ás 19 horas, a agrupación viguesa O Fiadeiro ofrecerá un espectáculo de música e danza tradicional coa participación de, aproximadamente, un grupo de vinte persoas.

O Fiadeiro, que este abril cumpre os seus 25 anos de andaina, desenvolve a súa actividade no eido da formación de nenas e nenos e persoas adultas en relación á música e cultura tradicional galega a través da súa escola. Ademais, tamén traballa para recuperar o vestiario e a danza e música tradicional a través dos seus grupos de pandereteiras e pandereteiros, baile tradicional, charanga e orquestra e vestiario.

Xunto ao espectáculo da agrupación O Fiadeiro, a Deputación tamén ten previsto para este xoves, ás 11 horas, un espectáculo de danza contemporánea no exterior do Pazo provincial en Pontevedra a cargo de Clara Ferrâo e con música ao vivo de Lkina. Ambos espectáculos serán os protagonistas dos actos de conmemoración do Día Internacional, nos que a danza máis achegada á terra, á tradición, á identidade cultural galega e a vangarda, innovación e experimentación serán protagonistas.