Noticias

A Deputación leva ata as Festas do Carme do Grove material das súas campañas de igualdade

A institución provincial está presente na Praza do Corgo ata o vindeiro martes 16, entre as 22.00 e a 1.00 h, cun punto morado de información sobre as violencias machistas


12 xullo 2019
Campaña contra as agresións sexuais

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, colabora este ano coas Festas do Carme do Grove, no marco do programa de información sobre as violencias machistas. Deste xeito, a institución provincial pon á disposición do concello un punto morado na Praza do Corgo co material das campañas de Igualdade "Lembra, eu decido, ti respectas" e "Conta comigo, eu respéctote", dirixidas tanto a mozas como a mozos.

Así, entre hoxe mesmo e ata o martes 16 de xullo en horario de 22.00 a 1.00 h, a institución provincial estará presente cun stand informativo no Grove dende o que se fará entrega de folletos dirixidos á mocidade, con contidos diferenciados para mulleres e para homes, ademais doutros elementos promocionais. O stand está dinamizado por persoal experto en igualdade, que tenta concienciar á poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade, explicando con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima.

Durante o pasado verán, a Deputación puxo en marcha esta campaña de igualdade nos festivais das Rías Baixas, e posteriormente, a institución provincial ofreceu o seu material divulgativo para ser utilizado por todos os concellos e entidades que así o soliciten. Por exemplo, chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, O Grove e Cuntis, entre outros. Amais, a Deputación tamén colaborou deste xeito nas pasadas festas do Entroido do Grove, de San Xosé de Campolongo (Pontevedra) e está tamén este domingo nas Festas dos Callos de Meis.