Noticias

A Deputación levará en agosto a súa programación cultural a Moaña, Cangas, Crecente, Arbo e Ponte Caldelas

Exposicións, música e narración oral conforman as propostas que se desenvolverán en espazos públicos destes concellos


30 xullo 2019
Programación cultural

A Deputación de Pontevedra levará a súa programación cultural no vindeiro mes de agosto aos concellos de Moaña, Cangas, Crecente, Arbo e Ponte Caldelas, con varias propostas dirixidas a todos os públicos e que se desenvolverán sobre todo nos espazos públicos destes municipios.

Máis polo miúdo, as actividades comezarán o sábado 3 de agosto en Moaña, onde se inaugurará no paseo marítimo a exposición fotográfica "Vento nas velas", coas imaxes e textos de Xurxo Lobato e que pertencen ao seu libro co mesmo nome. De carácter didáctico, esta mostra ideada e creada por Lobato pretende achegar ao público a cultura marítima da provincia pontevedresa e permanecerá no paseo ata o 30 de agosto. A Deputación continúa así a posta en valor desta área do patrimonio galego.

Pola súa banda, Anxo Moure e Servando Barreiro presentarán "A música da auga, contos e cantos do río Miño" o día 11 en Crecente e o 13 de agosto en Arbo. Trátase dun espectáculo ao aire libre que a través da música e a narración pretende divulgar a riqueza fluvial e cultural da provincia, sensibilizando sobre o coidado dos cauces fluviais e dando a coñecer a xeografía do Miño e o seu patrimonio lingüístico, etnográfico e mitolóxico cos nomes dos peixes, das árbores de ribeira, das embarcacións tradicionais, das artes da pesca e da propia toponimia. En Crecente a actividade terá lugar ás 21 horas no Parque Cuíña, mentres que en Arbo será na praza do Consistorio, ás 20 horas. Moure e Barreiro protagonizarán un pasarrúas musical coa gamela tradicional do Miño e ofrecerán unha sesión de contos e cantigas baseadas no libro "A música da auga". Durante o seu espectáculo haberá unha exposición de maquetas tradicionais do río Miño (batuxo, barca de pousa, barca das dornas, batela, carocho e gamela).

A programación continuará do 16 ao 25 de agosto en Cangas, onde se exhibirá a mostra "A gaita na música tradicional galega", no marco das Xornadas Etnográficas do Morrazo. Trátase dunha exposición temática sobre este instrumento paradigmático da música galega, ao que varios autores dedican unha especial atención, desde Casto Sampedro no seu cancioneiro ata estudosos actuais como Xesús Ferro Ruibal. A mostra está comisariada por Xaime Estévez Vila, Carlos Collazo de la Fuente e Ana Costas Carbajal, que conta coa participación da Asociación de Gaiteiros Galegos, do obradoiro Gil de gaita tradicional, Pablo Carpintero e numerosas fontes bibliográficas, deseños e fotografías dos fondos do Museo de Pontevedra.   

Amais, o 19 de agosto, a Alameda de Ponte Caldelas será escenario ás 19 horas da proposta "O misterioso caso de Antón Fraguas", a cargo de Polo Correo do Vento. É unha actividade dirixida ao público infantil que mestura narración oral, música e un obradoiro de debuxo sobre a vida de Antón Fraguas, autor homenaxeado nas Letras Galegas 2019.