Noticias

A Deputación mellora máis de 8.500 metros cadrados de firme nas estradas provinciais de Cotobade

O deputado Uxío Benítez explica que os enmárcanse dentro do Plan de conservación de firmes do Servizo de Mobilidade


11 xaneiro 2019
Mellora do firme Carballedo

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a realizar esta semana e continuará a próxima coas obras de saneamento e mellora do firme nas estradas provinciais de Cotobade. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de conservación de firmes que se realiza por toda a provincia. Neste concello as obras abranguen máis de 8.500 metros cadrados de superficie e garantirán o bo mantemento da vía e, polo tanto, mellorarán a seguranza viaria no que depende do seu estado.

A actuación no viario, que se decidiu despois de informes técnicos do persoal da Deputación ao detectar fochancas, fendas e pel de crocodilo (cuarteados), consistirá nos fresados do aglomerado en mal estado, a súa reposición, e a aplicación dunha capa de tratamento antiescorregadizo, para finalizar co repintado da sinalización horizontal cando o firme estea totalmente consolidado e as condicións climatolóxicas o permitan.

As actuacións no concello de Cotobade comezaron o pasado martes pola estrada EP-0406 Vilanova-Tenorio onde se realizaron saneamentos e reposición de firme en preto de 450 metros cadrados, continuaron na EP-0401 Carballedo-Caroi (nuns 1.500 m2), e seguirán pola EP-0407 Borela-Ponte Caldelas, onde se mellorarán outros 2.500 metros cadrados de firme.

Está previsto actuar, así mesmo, en máis de 4.200 metros cadrados da estrada EP-0405 Xesteira-Almofrei co fin de sanear e renovar a capa de rodaxe por cuestións de mantemento e seguranza viaria. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, estas obras de mellora son "imprescindibles" para garantir a correcta conservación da vía por parte da Deputación, e de forma independente a calquera outro proxecto que se poida realizar na estrada, polo que se levarán adiante de maneira obrigatoria incluso por cuestións de responsabilidade civil.

En canto ás reclamacións veciñais para retomar a proposta do anterior Goberno provincial para a EP-0405, o deputado lembrou que esa actuación foi desbotada polas irregularidades detectadas no proxecto. Destacou, así mesmo, que unha vez xa descartada esa actuación, a Deputación consensuou co alcalde Jorge Cubela que o investimento provincial neste mandato para estradas provinciais de Cotobade se destinaría á mellora do núcleo da Chan, priorizándoo sobre calquera outra iniciativa.

Coa mellora do firme nas estradas do concello de Cotobade continúase coas labores de mellora e saneamento de firmes iniciadas o pasado verán. O novo contrato marco anual de conservación que se está a aplicar supón na práctica unha xestión máis eficiente, planificada e áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias en calquera dos firmes da rede provincial por parte do persoal da Deputación.

Co novo Plan de conservación de firmes a provincia divídese en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son as responsables das obras. O lote correspondente á rede de estradas de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro ten un orzamento de 1.026.478,92 euros, e finalmente a adxudicación foi para ‘Ovisa, Pavimentos y Obras SLU'. O investimento global para a provincia chega ata os 4,4 millóns de euros ao ano.


Novas relacionadas