A Deputación moderniza a oficina de turismo de Caldas apostando pola dixitalización e a accesibilidade

O proxecto “Tourist Inside” permitirá incorporar elementos como dous totems interactivos, unha impresora braille ou un bucle magnético

26/08/2022

Oficina de turismo de Caldas  

As oficinas da rede Info Rías Baixas da Deputación de Pontevedra implementarán un novo modelo de atención turística centrada na dixitalización e a accesibilidade. Neste marco a oficina de Caldas de Reis ofrecerá ao turismo unha experiencia máis enriquecedora. Farao con novos elementos chegados da man do "Tourist Inside", un programa promovido pola Administración provincial que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado. Así o anunciaron a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e o tenente de alcalde de Caldas, Manuel González durante a visita ao punto turístico caldense.

Unha das novidades é a incorporación de elementos accesibles para mellorar a experiencia turística das persoas con diversidade funcional. Isto conseguirase mediante a instalación dunha impresora braille como soporte de toda a información para as persoas con dificultade de visión e, ademais, a incorporación dun bucle magnético, dispositivo que permite acceder á información ás persoas con dificultades de audición e, ademais, desfrutar por completo das visitas guiadas.

Ademais destes elementos inclusivos, a oficina subirá un chanzo cara a dixitalización coa instalación de dous totems interactivos -un no seu interior e outro na zona exterior- e dunha pantalla dixital de 55 polgadas. Estes elementos permitirán ampliar a información dispoñible do destino Pontevedra provincia mediante a interconexión coa rede Info Rías Baixas. A estancia contará ademais cunha tableta para que as persoas visitantes realicen enquisas de satisfacción. A dixitalización chegará tamén a 13 puntos do municipio de Caldas de Reis nos que se instalarán "beacons", é dicir, balizas electrónicas que transmitirán información de interese aos móbiles das e dos visitantes a través da tecnoloxía bluetooth. Con este dispositivo, a Deputación reforza os seus plans para incrementar a interactividade e facilitar o máximo volume de información a través dos teléfonos móbiles dun xeito rápido e cómodo.

Dende hai tres anos a oficina conta coa "Q" de Calidade turística. Este distintivo outorgado polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) convértea en referente na atención aos visitantes, dado o grao de cumprimento dos estándares e procedementos certificados.

Case 1.200 visitantes no que vai de ano

Entre as 1.184 persoas que visitaron a oficina de turismo de Caldas no que vai de ano destaca a presenza de turistas de nacionalidade española (77,70%), das/os que a maioría chegaron de Madrid (33,50%) así como doutros lugares como Valencia ou Barcelona. No que atinxe ao turismo estranxeiro (o 22,30% restante), chegou procedente de Portugal, Alemaña ou Italia.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.