A Deputación non recorrerá a sentencia do TSXG sobre o proxecto para a praza de Oseira de Rodeiro e financiará a actuación “encantados de poder facelo”

03/05/2023

A Deputación de Pontevedra non recorrerá en casación a sentencia do TSXG sobre o proxecto da Praza de Oseira en Rodeiro, que ratifica o dereito de ampliación de prazo que solicitou o Concello para levar a cabo a actuación, ao abeiro do Plan Concellos da institución provincial. Aínda que o propio Tribunal recoñece na sentencia que o goberno local  incumpriu os prazos para a presentación do proxecto, a Deputación asumirá a decisión xudicial e financiará a actuación prevista na Praza “encantados de poder facelo”.

Así se pronunciou hoxe ao coñecer o fallo do TSXG o deputado de Cooperación cos Concellos, Santos Héctor Rodríguez, quen explicou que “tal e como anunciamos, os recursos presentados pola Deputación de Pontevedra estiveron baseados en informes estritamente técnicos e xurídicos que obrigaban a elo e defender o rexeitamento do proxecto ao incumprir os prazos, como recoñece o propio fallo do Tribunal”.

Agora, informou o deputado, felicitámonos de poder financiar esta actuación porque “o noso obxectivo sempre é mellorar equipamentos, garantir servizos e dereitos”. Por elo, anunciou que “faremos de forma inmediata unha modificación de crédito no orzamento provincial para asumir os recursos e poder enfrontar esta subvención a Rodeiro”.