Noticias

A Deputación de Pontevedra ofrece no mes de xullo en Cambados catro accións formativas do programa Smartpeme

O programa de asesoramento no ámbito das TIC da Deputación de Pontevedra está destinado ás persoas emprendedoras, autónomas e ás pemes da provincia


07 xullo 2019
Smartpeme Salnés

Cambados acolle neste mes de xullo catro novas accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital. Deste xeito, o programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas.

A primeira cita terá lugar este próximo martes, 9 de xullo, ás 17:00 horas, coa acción Motores de Reservas para Empresas Turísticas. O martes 16 levarase a cabo o obradoiro Fotografía Gastronómica co Teléfono Móbil, ás 19:00 horas. A terceira acción, Crea a túa Tenda en Liña con Prestashop impartirase o martes, 23 de xullo, ás 18:00 horas. E, por último, Xestiona o teu Negocio desde o Móbil impartirase o martes 30 de xuño, ás 19:00 horas. A oficina SmartPeme de Cambados atópase no Centro ExpoSalnés, no paseo da Calzada s/n, e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.gal.