Noticias

A Deputación organiza tres rutas guiadas a xacementos no marco da exposición "Galaicos"

As visitas realizaranse nos meses de decembro e xaneiro nos xacementos de Castrolandín, A Lanzada e O Facho, na vila romana de Toralla e no castro do Trega


15 novembro 2019
Galaicos

A mostra "Galaicos", posta en marcha pola Deputación de Pontevedra, non só se limitará ao espazo do Museo Provincial, posto que a institución, presidida por Carmela Silva, deu hoxe a coñecer os detalles das actividades complementarias da exposición, entre as que destacan tres rutas guiadas a xacementos e lugares de interese situados na provincia.

Así, a primeira destas rutas terá lugar o sábado 14 de decembro e percorrerá o castro de Castrolandín, no concello de Cuntis, a Fundación Terra Termarum Castrolandín e o xacemento da Lanzada. Un dos comisarios da exposición "Galaicos", Rafa Rodríguez, será o encargado de guiar as persoas participantes a través da historia e das pedras.

Pola súa banda, o sábado 21 de decembro outro grupo coñecerá o xacemento do Facho, en Cangas, e posteriormente visitará a vila romana de Toralla, no concello de Vigo, co arqueólogo José Suárez. Finalmente, o sábado 11 de xaneiro o historiador e arqueólogo Diego Piay acompañará as e os participantes da terceira ruta polo castro de Santa Trega, pertencente ao concello da Guarda, e pola adega Terras Gauda, situada na zona do Rosal.

Para a realización destas visitas guiadas a través da historia e da arqueoloxía pontevedresas e galegas, os grupos serán reducidos, dun máximo de 30 persoas. O prazo de inscrición abrirase o luns 9 de decembro e a matrícula poderá facerse de forma electrónica no correo-e de Turismo Rías Baixas (visitasguiadas@depo.es). Ademais, admitiranse ata catro persoas inscritas por correo-e.

Por outra banda, comezan as accións programadas para dar a coñecer o pasado galaico da provincia. O contacontos infantil, que leva por nome "Contos a pedir de boca", será ás 12:00 horas deste sábado 16 de novembro no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e a el poderá acudir a rapazada de máis de tres anos acompañada por unha persoa adulta. Con todo, o evento será de balde ata completar a capacidade máxima. "O conto está protagonizado por un comerciante do Mediterráneo que lles dará a coñecer ás nenas e ós nenos algunhas manifestacións do noso pasado galaico: como vivían, como eran as súas vivendas ou en que consistía a súa alimentación", explicou a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Ademais, este próximo martes 19 de novembro, ás 19:00 horas, terá lugar a mesa redonda "Somos o que comemos. Que nos queda da dieta dos galaicos na actualidade?", tamén encadrada no Sexto Edificio do Museo. A entrada a esta charla será libre. Participarán os investigadores Eduardo González e Carlos Fernández, da Universidade de León, e as investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela Olalla López e Lourdes López e moderará o arqueólogo Ángel Concheiro. Deste modo, Silva destacou a paridade dos relatores do evento: "Temos que facer un esforzo para que nas mesas haxa expertas e expertos, porque realmente hai moitas mulleres moi formadas que poden falar de calquera cousa".

A exposición "Galaicos" abrangue a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI. O seu obxectivo é amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, a través de máis de 60 obxectos arqueolóxicos, algúns orixinais e outros réplicas, así como información sobre algúns dos xacementos da provincia, entre eles os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, monte do Castro, castro de Alobre, Castrolandín, monte do Facho, a vila romana de Toralla e as salinas de Vigo ou Adro Vello. As fotografías e vídeos que se expoñen permiten coñecer estes xacementos e valorar a paisaxe arqueolóxica da provincia para amosar os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de tempo de máis de 2000 anos da historia de Galicia. "Galaicos" chegou ao Museo de Pontevedra o pasado 4 de outubro despois de recibir máis de 32.000 visitas no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e no Museo da Prehistoria de Valencia.

Vídeos