Noticias

A Deputación de Pontevedra pecha a Comisión da COVID-19 co acordo dos tres grupos políticos para manter o consenso e os mecanismos de relación

Goberno e oposición acordan establecer unha reunión mensual para poñer en común decisións, propostas e acordos cara á busca de pactos para a provincia


12 xuño 2020
Comisión do COVID19

Man tendida, manter os mecanismos de relación e vocación de pactos nos temas importantes para a provincia. Con esta declaración de consenso dos tres grupos políticos da corporación, a Deputación de Pontevedra pechou este venres a Comisión de Seguimento da Covid-19, que desde o establecemento do estado de alarma, reuniu semanalmente a goberno e oposición para pactar todas as medidas que se tomaron na institución cara a paliar a crise sanitaria.

A presidenta, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, e o portavoz do PP, Jorge Cubela, expresaron de forma unánime a vontade de manter os canles de relación, de modo que se establecerá unha reunión mensual dos tres grupos para buscar acordos, analizar propostas e consensuar medidas, "polo interese da xente e da provincia". Carmela Silva agradeceu "esta nova forma de facer política, que funcionou moi ben durante este tempo, e que queremos manter para seguir tomando decisións con sensatez, eficacia, prudencia e co maior acordo posible". Pola súa banda, o portavoz do PP, Jorge Cubela, ofreceu seguir "coa man tendida e estudiar a posibilidade de chegar ao maior número de pactos posibles nos temas importantes para a provincia".

Os tres grupos tamén concordaron na posibilidade de poñer en marcha outras fórmulas de relación dos grupos coa realización de visitas institucionais de toda a corporación a aqueles centros de importancia dependentes da Deputación, "a fin de que todas as deputadas e deputados do goberno e da oposición, coñezan en profundidade a situación e actualidade de cada un deles".

Na última reunión da Comisión de Seguimento da Covid-19 fíxose un repaso das medidas tomadas nos últimos tempos en relación á crise; dos avances da Comisión Técnica de Asistencia aos Concellos, "que funciona a moi bo ritmo con respostas e propostas nas que xa se está traballando, e que se poden ver no espazo web habilitado cos municipios da provincia". Tamén, a presidenta deu conta á oposición dos novos temas nos que se está a avanzar, como a nova Liña de Axudas aos Concellos para a Conciliación e Corresponsabilidade; do Protocolo da Rede Agora ao que terán que adherirse os concellos que o desexen; das circunstancias do traballo en remoto; e dos avances do Período Medio de Pago na Deputación, "que despois dos esforzos feitos para pagar canto antes ás empresas provedoras, reduciuse ata os 7 días. Estamos moi satisfeitas". Na reunión, o vicepresidente, César Mosquera, tamén explicou as grandes liñas do proxecto TROPOS, produto dun longo estudio, que nace co obxectivo de modernizar e mellorar os procesos selectivos e modificar o sistema de acceso á Administración, a fin de valorar máis as competencias das persoas aspirantes e non a memorización.