Noticias

A Deputación pon en valor o galego como "identidade do país" na conmemoración do Día das Letras Galegas 2020

A área de Patrimonio e Lingua, dirixida por María Ortega, comeza hoxe unha homenaxe a Carballo Calero realizada en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)


11 maio 2020

A área de Patrimonio e Lingua da Deputación de Pontevedra conmemora este ano as Letras Galegas baixo o lema "A nosa lingua é a nosa identidade", poñendo en valor o galego como "parte de toda a nosa vida, do ser de Galicia como país". Durante toda esta semana a institución provincial, por iniciativa da área da deputada María Ortega, desenvolverá unha campaña promocional realizada en colaboración coa Asociaciación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) que consistirá na difusión de 24 vídeos de autores e autoras da provincia lendo fragmentos de diferentes obras de Carballo Calero que elas e eles mesmos escolleron.

Ortega destaca que a Deputación decidiu levar adiante a campaña a pesar de que os actos oficiais e presenciais das Letras Galegas 2020 non terán lugar o 17 de maio, senón que se adiarán ata outubro debido á crise sanitaria da COVID-19. A nacionalista explica que a Deputación traballa pola defensa e a posta en valor do idioma propio ao longo de todo o ano con accións continuadas e colaboracións con entidades, polo que afirma que manterá esa liña e as axudas a concellos e entidades, actividades e outras iniciativas, ademais de programar eventos nas datas máis sinaladas do calendario. "O Día das Letras non só é un día no ano, para nós son os 365 días", remarcou.

Ortega salientou a importancia de que as institucións sexan activas desde todos os ámbitos para promocionar e poñer en valor o galego como "parte de toda a nosa vida e do ser de Galicia como país". Destacou o reto de facer chegar o galego a persoas novas e neofalantes para que utilicen en todos os eidos da súa vida, tanto para a promoción da cultura propia coma no ensino, a ciencia, a economía ou o ámbito sanitario, tan en boga estes días.

Homenaxe a Carballo Calero

A campaña que hoxe lanza a Deputación supón unha homenaxe a Carballo Calero posta en boca de compañeiras e compañeiros do seu propio gremio. As redes sociais e a páxina web da Deputación difundirán desde hoxe e ata o vindeiro domingo 17 de maio 24 vídeos nos que escritoras e escritores da provincia de Pontevedra lerán pequenos fragmentos de obras de todo tipo do creador ferrolán.

As e os autores participantes serán Fina Casalderrey, Carlos Taboada, María Xosé Porteiro, Miguel Anxo Alonso, Eva Mejuto, Rafael Fernández Lourenzo, Miriam Ferradáns, Ramón Caride, Tamara Andrés, X. Rodríguez Álvarez, Montse Fajardo, Xosé Luna, Susana Sánchez Arins, Xosé Daniel Costas, Lucía Novas, Álex Alonso, Iria Misa, Cruz Martínez, Nee Barros, Ramón Nicolás, Macamen Alonso, Marta Dacosta e Elena Gallego. A deputada María Ortega agradeceulles a todas e todos eles a súa colaboración na iniciativa e o seu traballo a prol da lingua.