Noticias

A Deputación presenta este luns a campaña "Fame de experiencias?" no Fórum Gastronómico da Coruña

A institución provincial participará no grande evento de enogastronomía cunha caseta na que se farán elaboracións en vivo de pratos cos mellores produtos de temporada das Rías Baixas


10 marzo 2019
Fame de experiencias

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asistirá este luns á presentación da campaña "Fame de Experiencias?" no Fórum Gastronómico da Coruña, o principal escaparate da enogastronomía do noroeste peninsular. Silva visitará, xunto con produtoras e produtores da provincia, a caseta da Deputación na que haberá elaboracións en vivo de pratos inspirados nos mellores produtos de temporada das Rías Baixas.

De feito, o público asistente ao Fórum Gastronómico poderá degustar estas elaboracións, que serán variadas e de temporada dos distintos meses do ano. A presidenta provincial detallou que "o produto especial que escollemos para representar a gastronomía de marzo é o requeixo con mel, que se servirá xunto cun canelón de requeixo e grelo. En abril, o produto elixido é a lamprea, que se servirá escabechada con brotes tenros. Para a gastronomía de maio, cando florece a mazá, presentaremos un strudel de mazá e pasas con xarope de sidra". Na mesma liña, Silva continuou enumerando outras opcións gastronómicas que se servirán no evento, como milfollas de sardiña, bocado de xabaril, pescada confeitada con navalla a baixa temperatura, mousse de castaña, cata de viños da D.O. Rías Baixas... "Unha mostra do mellor da nosa gastronomía para que todo o mundo a probe e veña visitarnos ás Rías Baixas", recalcou a presidenta.

Ademais, ao Fórum tamén acudirán "moitos dos cociñeiros dos restaurantes Estrela Michelin da provincia". Así mesmo, a presidenta tamén quixo salientar que "hai dous candidatos ao Premio Cociñeiro 2019 Fórum, que son Adrián Fuentes e Víctor Fernández, que dan conta do potencial e da calidade da cociña da nosa provincia".