A Deputación presenta este mércores o libro ‘Castelao. Plástica e pensamento’ de Xesús Andrés López Piñeiro

Será o mércores no Arquivo Provincial ás 19.30 horas ata completar cabida

17/09/2022

A Deputación de Pontevedra vai presentar este mércores 21 o libro 'Castelao. Plástica e pensamento 1903-1916' de Xesús Andrés López Piñeiro no Arquivo Provincial. Trátase dunha impresión institucional do ensaio de Editorial Galaxia que fala do percorrido artístico e político de Daniel Rodríguez Castelao nunha época concreta da súa vida, na que pasa do pensamento conservador ao nacionalismo.

A presentación terá lugar no vestíbulo do Arquivo Provincial (Rúa Pai Amoedo) ás 19.30 horas con entrada libre ata completar cabida. Estarán presentes a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Memoria e Lingua María Ortega, o director xeral de Galaxia Francisco Castro, o prologuista Xosé Manuel Pazo Blanco, e tamén o propio autor Xesús Andrés López Piñeiro. Repartiranse exemplares entre as persoas asistentes.

Segundo explica o escritor, Castelao é un dos referentes de Galiza tanto no eido político como no literario, pero tamén na plástica, onde se converteu no "elo necesario" para conquistar o papel relevante que a xeración dos Novos tivo entre a arte europea, e foi dos poucos que soubo ver o papel do realismo na arte e que pelexou a contracorrente contra o costumismo. "Mais isto é preciso explicalo entrelazando a obra co seu pensamento", sinala López Piñeiro.

Para a Deputación o conxunto da obra de Castelao e todos os estudos que se fan sobre el son de importancia chave: como artista, ilustrador, escenógrafo, pensador, ensaísta, autor de textos literarios, dramaturgo e político, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é a figura máis simbólica e representativa do século XX en Galicia e deixou unha profunda pegada na sociedade galega "como ferramenta e vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial de Galicia", sinala a deputada María Ortega.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.