Noticias

A Deputación de Pontevedra recibe á parella pontevedresa gañadora do Campionato Mundial de Vídeo Submarino

A deputada de Medio Ambiente, Iria Lamas, destacou o compromiso co medio ambiente e a conservación do mar da peza coa que Jorge Candán e Pilar Barros acadaron o mundial


06 outubro 2019
Parella pontevedresa gañadora do Campionato Mundial de Vídeo Submarino

A deputada provincial de Medio Ambiente, Iria Lamas, recibiu na sede de Turismo Rías Baixas ao vigués Jorge Candán e a pontevedresa Pilar Barros, que veñen de gañar o seu segundo Campionato Mundial de Vídeo Submarino, que tivo lugar recentemente en Arona, na illa canaria de Tenerife.

Lamas destacou o compromiso da parella co medio ambiente e a conservación da natureza, xa que a peza gañadora, The return "é unha historia poética sobre unha humanidade que abandona o planeta e séculos despois atopa un mar completamente diferente". Trátase ademais do segundo Mundial que acadan Candán e Barros, que xa o gañaran na edición do 2010 celebrada en Fuerteventura.

A deputada fixo entrega á parella campioa dunhas láminas pictóricas sobre os diferentes xacementos arqueolóxicos da provincia pontevedresa. Pola súa banda, Jorge Candán agradeceu a recepción brindada pola institución provincial e destacou que no vídeo gañador el e Barros tentaron amosar os tesouros naturais mariños cos que conta España.

Con este campionato, a parella suma un novo galardón ao seu xa amplo palmarés nacional e internacional nesta modalidade de audiovisuais. No citado Mundial, organizado pola Federación Española de Actividades Subacuáticas (Fedas), impuxéronse a persoas participantes chegadas de países como Finlandia, Italia, Corea, Holanda, Suíza, Bélxica, Alemaña ou Portugal, que realizaron as súas inmersións os días 19 e 20 de setembro na zona da praia das Galletas. Logo, tiveron oito horas para realizar a montaxe do vídeo.