Noticias

A Deputación recorda a Nidia Arévalo que é o Goberno de España quen fai a regularización catastral e que o ORAL limítase a facer a recadación a petición do propio Concello de Mos

O deputado de Facenda remitiu hoxe una carta ás máis de 2000 persoas afectadas para anunciar que "no instante no que a alcaldesa nos dea a instrución de paralizar a recadación, farémolo sen ningún tipo de obxección"


13 marzo 2018
ORAL

O deputado de Facenda do Goberno da Deputación de Pontevedra, Carlos López Font, remitiu hoxe unha carta ás máis de 2000 veciñas e veciños de Mos, afectados pola regularización catastral, ante as informacións aparecidas, en nome da alcaldesa Nidia Arévalo na páxina web do Concello, "que nos resultan totalmente improcedentes e desafortunadas, nun groseiro intento de confundir á cidadanía sobre as responsabilidades de este procedemento recadatorio".

No escrito á veciñanza, o deputado provincial volveu a insistir en que a regularización catastral en Mos foi posta en marcha polo Goberno de España a través dunha resolución da Dirección Xeral do Catastro, "sen que mediara queixa formal algunha do Concello e da súa alcaldesa". Carlos Font engadiu que a revisión dos Bens Inmobles e a determinación dos que resultaron afectados por esta regularización a levou a cabo a empresa IBERCAT, contratada polo Ministerio de Facenda, e que, ademais, "foi a petición do Concello de Mos, que o Organismo Autónomo de Recadación local (ORAL), dependente da Deputación de Pontevedra, iniciara exclusivamente o procedemento de recadación". De feito, dixo o deputado, "os fondos recadados ingresaranse directamente nas contas do Concello ao tratarse de Impostos dos Bens Inmobles (IBI)"

O deputado de Facenda cualificou de "lamentable" que unha vez que o ORAL inicia o traballo encargado polo Goberno de Nidia Arévalo, "a alcaldesa tenta confundir a veciñanza publicando na súa web información mal intencionada coa que pretende facer crer que o ORAL é o organismo que ten a responsabilidade sobre este imposto". Por iso, Carlos Font anuncia na carta, remitida ás veciñas e veciños afectados, que "en aras da transparencia, lle comunico que a Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Recadación ORAL, no mesmo instante no que a alcaldesa nos dea a instrución de paralizar a recadación dos impostos derivados de esta regularización, o faremos sen ningún tipo de obxección".

Finalmente, o deputado provincial lembra no escrito que "ante a falta de información ofrecida a veciñanza ante este procedemento por parte do Goberno de Mos, a Deputación decidiu trasladar ao propio Concello a persoal do ORAL, de forma extraordinaria, para que puideran atender ás veciñas e aos veciños e resolver todas as súas dúbidas fronte a este imposto". De feito, desde o pasado venres, a Deputación está a atender ás persoas afectadas directamente no Concello de Mos para evitar o seu desprazamento ás oficinas do ORAL.


Outras novas

VI gala deporte feminino

21 xuño 2018, igualdade, deporte, concello de pontevedra, concello de vigo, antonio lópez, carmen barro, durán maquinaria, maría pérez araújo, mecalia atlético guardés, melania rodríguez, mudega, noelia pérez, susana rodríguez gacio, vi gala deporte femenino, marta bobo
Catoira Mulleres en acción.Violencia Zero

21 xuño 2018, catoira, digna rivas, contra a violencia machista, mulleres en acción. violencia zero