A Deputación redobra a súa colaboración cos colectivos medioambientais para concienciar sobre a necesidade de mudar o modelo de consumo

Carmela Silva asinou convenios con Ódega, Fegama e Ventonoso centrados na redución da pegada hídrica, do desperdicio alimentario e do uso da enerxía e recursos naturais

26/09/2022

Convenios

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou hoxe tres novos convenios coas asociacións medioambientais Ódega, Fegama e Ventonoso para seguir concienciando a sociedade sobre a necesidade de “cambiar como funcionamos no mundo, con consumos máis responsables, nun momento de emerxencia medioambiental”. Os convenios, aos que a Deputación dedica un total 110.400 €, están destinados á realización dun programa divulgativo sobre a loita contra o desperdicio alimentario (Ódega, 38.400 €), dunha campaña de redución da pegada hídrica (Fegama, 36.200 €) e un programa formativo sobre o uso sostible da enerxía e dos recursos (Ventonoso, 35.800 €). Asistiron á sinatura os presidentes de Ódega, Miguel Soto Albores, Fegama, Juan Miguel Acuña Garaboa, e Ventonoso, José Antonio Diéguez Otero, e a deputada de medio ambiente, Iria Lamas.

Carmela Silva asegurou que os convenios “son moi relevantes e afrontan os grandes retos que debe asumir a humanidade no curto prazo”. A presidenta deu os parabéns a estes tres colectivos, “moi vinculados ao territorio e cunha enorme conciencia que chegará ao conxunto da cidadanía”, por “defender o sector produtivo galego e ter compromiso cun novo modelo de produción sostible”, e asegurou que a Deputación de Pontevedra conta “coas organizacións que teñen coñecemento, rede no territorio e a capacidade para facer chegar estas cuestións que deben pasar da teoría aos feitos”.

Ódega elaborará un programa sobre desperdicio alimentario no que se porán en marcha 16 espazos prácticos de divulgación, 6 cursos en liña, 4 vídeos divulgativos, unha canle informativa para colexios e unha campaña de difusión en redes sociais. O seu presidente, Miguel Soto, avanzou que no programa se falará de cuestións como “comer organizando a cesta da compra, para que a xente saiba cales son os produtos de cada temporada, e tamén de xestión das datas de caducidade e dos excesos, con sistemas como as conservas que permiten alongar a vida útil dos alimentos”. Soto asegurou que “non se trata de encher a cesta e tirar o que sobra, senón que imos dar un abano de posibilidades de combinacións de alimentos para ter unha vida máis saudable e de aproveitamento”. Carmela Silva incidiu nesta última cuestión, ao lembrar que “vimos dunha educación consumista onde podemos comprar de todo e, polo tanto, tamén tirar de todo: isto convida a unha reflexión profunda dos nosos hábitos como sociedade”. Segundo a Organización das Nacións Unidas un terzo da produción mundial de alimentos acaba no lixo antes de chegar ao prato.

O programa de Fegama centrarase en fomentar a redución da pegada hídrica. A través del crearanse recursos como unha guía de recomendacións, unha web, espazos de encontro nas oficinas de Fegama e feiras da provincia e material divulgativo que chegará tamén a colexios e ás redes sociais. O seu presidente, Juan Miguel Acuña, asegurou que con esta acción amosarase “a importancia de utilizar a pegada hídrica como ferramenta á hora de tomar decisións: na compra, sabendo o consumo de auga que hai detrás de calquera produto, e a nivel individual, para reducir o consumo”. Carmela Silva asegurou que “en Galicia non tiñamos a conciencia de que é un ben escaso, pero xa temos serios problemas na garantía do consumo humano e industrial”. A presidenta sinalou que, ademais de nos fogares, a redución tamén atinxe “aos concellos, cun abastecemento eficiente, e ás empresas, que teñen moito que facer”. España ten unha das pegadas hídricas máis altas do mundo: a 8ª mundial e a 2ª en Europa.

O convenio con Ventonoso permitirá realizar un programa formativo sobre o uso sostible da enerxía e dos recursos. Celebraranse 6 cursos en liña con 120 prazas en total, 17 encontros informativos abertos nas súas oficinas e feiras da provincia, divulgación en liña, material divulgativo e un punto de atención personalizada no que se atenderán dúbidas de xeito telemático. O seu presidente, José Antonio Diéguez, afirmou que “debemos ser eficientes, e daremos pautas para aforrar enerxía e auga nos fogares con pequenos hábitos, e tamén de xestión do solo para non producir contaminación cos nosos residuos”, con perspectiva urbana e rural, onde ten grande incidencia a produción agraria.  O Fondo Mundial para a Natureza (WWF) advirte que a actual sobreexplotación dos recursos naturais está a xerar un enorme déficit, xa que cada ano se consome un 20% máis dos que se poden rexenerar.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.