A Deputación reforzará a promoción turística da provincia no aeroporto de Peinador

Carmela Silva anuncia a renovación do convenio con Aena para instalar máis imaxes promocionais dos puntos de interese turístico, comezando con dúas de Vigo

10/08/2022

Aeroporto Peinador  

A Deputación reforzará a promoción turística da provincia de Pontevedra no aeroporto de Peinador en Vigo, unha das principais portas de acceso das persoas que visitan o destino ao longo do ano e cuxa oficina de Turismo Rías Baixas visitou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ao director en funcións do aeroporto, Antonio Rodríguez. Por esta oficina, que vén de revalidar cunha nota sobresaínte a súa "Q" de Calidade turística, pasaron xa este ano 2.000 persoas. Carmela Silva anunciou que a institución provincial ampliará os espazos que xa ocupa para amosar imaxes promocionais dos principais puntos de interese da provincia, amais de reforzar tamén a dixitalización da oficina e a súa conexión "en tempo real" co resto das integradas na rede Rías Baixas.

A presidenta provincial destacou que xa se está a traballar con Aena para a renovación do convenio de cara a incrementar os actuais espazos de promoción da provincia nos puntos estratéxicos da terminal de Chegadas. A aposta comezará coa instalación de dúas grandes imaxes da cidade de Vigo. "Queremos que cando a xente chegue, visualice todo aquelo que pode facer na provincia", subliñou Carmela Silva. "Vivimos nun paraíso e as imaxes deste destino son únicas, podo dicir que das mellores do mundo".

Destacou así mesmo que a oficina de Turismo Rías Baixas que a Deputación xestiona no aeroporto vigués vén de revalidar a súa "Q" de calidade, "cunha auditoría na que na maioría dos datos que se avalían obtivo un 10, a nota máis alta", revalidando así a súa certificación de excelencia no tratamento ás persoas visitantes. Do total de 2.000 que pasaron polas instalacións desde xaneiro, a maioría procederon de territorio nacional, especialmente de Madrid (23%), seguidas das de Barcelona, Biscaia e Asturias. En canto ao turismo estranxeiro, que representa entre un 7 e un 10%, vén sobre todo de Portugal e Francia, aínda que tamén rexistrou visitantes de Estados Unidos e Reino Unido, que se achegaron á oficina a solicitar información.

Carmela Silva adiantou tamén que a institución provincial está a traballar, dentro do proxecto Tourist Inside que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, no reforzo da dixitalización desta oficina e das do resto da Rede Rías Baixas "e moi pronto van contar con novos instrumentos que permitirán a esta sede estar conectada coas outras oficinas e ofrecer información dixital en tempo real ás persoas turistas sobre os distintos recursos" que poden coñecer. "Hoxe todo pasa nun móbil e todas as decisións as buscamos alí, de xeito que queremos mellorar aínda máis o potencial dixital desta oficina".

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.