Noticias

A Deputación de Pontevedra rehabilita o asfalto de varias estradas provinciais en Baiona e Gondomar

Os traballos inclúense no Plan de conservación de firmes do Departamento de Mobilidade, cun orzamento de máis de 800.000 euros para a zona


25 xuño 2019
Estrada

A Deputación de Pontevedra, a través do Departamento de Mobilidade, está a realizar nestes días as obras de saneo do firme de varias estradas provinciais dentro dos concellos de Baiona e Gondomar. Concretamente estase a rehabilitar as calzadas da EP-2202 Baiona-Loureza, en Baiona, e da EP-2303 Gondomar-Vilaza-Parada. Posteriormente acometeranse melloras tamén nas EP-22010 Baiona-Bahiña-Fontes e na EP-2305 do ramal cara A Granxa. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a actuación está enmarcada dentro do Plan de conservación de firmes plurianual que comezou no pasado exercicio.

O obxecto destas actuacións en Baiona e Gondomar é realizar as obras de reparación necesarias para mellorar a seguranza viaria. O persoal provincial do Departamento de Mobilidade detectou nas súas inspeccións que nalgúns puntos destas estradas había fochancas ou algunhas fendas será preciso proceder ao fresado da calzada, para posteriormente repoñer a capa de rodaxe e aplicar capas de tratamento antiescorregadizo. Estes traballos, segundo está previsto, realizaranse durante esta semana e a seguinte para despois repoñer a sinalización horizontal (liñas lonxitudinais, símbolos e frechas na calzada).

Coa mellora do firme na EP-2202 no Concello de Baiona inícianse as actuacións do 2019 ao abeiro do novo modelo de conservación de firmes da Deputación na zona do Val Miñor. A fórmula do contrato marco para a renovación e reparación das estradas supón unha xestión áxil para realizar obras puntuais e urxentes nas vías de titularidade provincial cando se detectan deficiencias por parte dos vixiantes provinciais. Os proxectos de actuación son sempre puntuais, acoutados a un treito concreto e xustificados, e en ningún caso se mellora a totalidade da lonxitude dunha estrada, xa que esa actuación requiriría dun proxecto completo e doutro procedemento administrativo.

O Plan de conservación de firmes divide a provincia en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes son responsables das obras. No ‘Lote D' inclúense os concellos de Vigo, Nigrán, Baiona, Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas, Mos, Redondela, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Ponteareas e Salvaterra de Miño cun investimento de licitación de 802.313,15.euros O orzamento chega ata os 4,4 millóns de euros para toda a provincia.