Noticias

A Deputación reinaugura o "novo" castelo de Soutomaior reconvertido nun "auténtico museo que xa é o corazón de todas as historias que temos que contar"

Centos de persoas se deron cita na espectacular gala de reapertura do castelo na que María Vinyals e o doutor Lluria cobraron vida propia para conducir o evento


15 maio 2018
Musealización do Castelo de Soutomaior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ás deputadas e deputados do Goberno provincial, inaugurou esta tarde no transcurso dunha espectacular gala chea de sorpresas, música, teatro e audiovisuais, o esperado proxecto de musealización do castelo de Soutomaior. A través desta iniciativa, posta en marcha pola institución provincial, tal e como asegurou a súa presidenta, "queremos que Soutomaior sexa o corazón de todas as historias que temos que contar porque na provincia de Pontevedra "Somos historias" e practicamente todas elas cobran vida propia no castelo".

O proxecto de musealización, "á altura dos mellores castelos do mundo e dotada da máis avanzada tecnoloxía", é un paso máis na aposta do Goberno de Carmela Silva por recuperar este recinto histórico para a cidadanía da provincia. "Queremos abrir á xente, ás familias, un espazo que é de todas e de todos e queremos facelo cun castelo renovado, cheo de contidos que poñen de manifesto a importancia deste enclave tanto para a provincia como para o resto de Galicia e do Estado", asegurou a presidenta provincial, que tamén tivo un agradecemento especial para "as veciñas e veciños do pobo de Soutomaior", presentes na gala.

Centos de persoas do mundo público, social, económico, cultural, turístico, deportivo e veciñal da provincia se deron cita no evento, no que a través de María Vinyals e o doutor Lluria, púxose en valor a historia do castelo xunto ao o variado e singular patrimonio da provincia de Pontevedra.

O acto comezou cunha representación simbólica da sinatura da acta de entrega do castelo por parte da presidenta provincial, Carmela Silva, da man de Vinyals e Lluria. Trala sinatura, na porta de acceso ao castelo, as autoridades e convidados entraron no patio de Armas mentres o dúo musical Cómplices interpretaba pezas musicais en directo.

No patio de Armas proxectouse un vídeo de dous minutos no que se presentaron as actuacións acometidas pola Deputación no recinto, convidando á cidadanía a que o visite e coñeza o proxecto de musealización no que se pon en valor "o legado das Rías Baixas como nunca antes foi contado". Ademais, Vinyals e Lluria repasaron a historia do castelo, desde o Medievo, pasando polo século XIX, ata o actual proxecto de musealización. Neste eido, a propia Vinyals destacou que o Ben de Interese Cultural conta desde agora con "dez salas, con vídeomapping, proxeccións en 3D, audiovisuais interactivos, reproducións de documentos históricos, xogos e maquetas que recollen a historia do castelo desde o século XII ata a actualidade".

Finalmente proxectouse un vídeo de catro minutos que leva como banda sonora "Un lugar en el mundo", a peza composta por Teo Cardalda que foi tamén o tema central da campaña turística da Deputación de Pontevedra. Este novo audiovisual, que formará parte das accións promocionais da Deputación a partir de hoxe mesmo, ten como nexo común a melodía de Cómplices a través dun piano branco –o mesmo que estivo presente tamén durante a gala en Soutomaior– situado nos diferentes elementos do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. A través das imaxes e da música o vídeo recolle desde castelos como os de Soutomaior e Sobroso (Mondariz), as fortalezas como as de Baiona e Goián (Tomiño), torres como as da Lanzada (Sanxenxo) e Tebra (Tomiño), a capela da Peneda de Soutomaior, vistas da Guarda e de praias como as de Nigrán con Cíes ao fondo.

Ao remate da gala serviuse un aperitivo no que o espumoso de Albariño foi protagonista e entregáronse ás persoas convidadas cadernos e postais coa imaxe do castelo de Soutomaior. Tamén se dispuxo un libro de visitas, que vai quedar no castelo desde hoxe, para que as persoas que acudan ata o recinto histórico deixen as súas impresións sobre a visita.

Esgotadas as prazas para as visitas guiadas das xornadas de portas abertas

A primeira xornada de portas abertas resultou "un éxito absoluto, rexistrándose preto dun millar de persoas, con ata grupos de homes, mulleres e moitos nenos e nenas procedentes de Portugal e Alemaña", indicou a presidenta provincial.  

Para as vindeiras xornadas de portas abertas, os días 20, 21, 22, 24 e 25 de maio, a Deputación de Pontevedra mantén a visita libre aberta a toda a cidadanía, xa que as prazas para as visitas guiadas están completamente esgotadas

Fotos

Vídeos