Noticias

A Deputación remata as obras de mellora da seguranza viaria na EP-7021 Berres-Vilancosta na Estrada

O Departamento de Mobilidade realizou unha rehabilitación integral do firme e actuacións de calmado do tráfico nos 1,3 quilómetros da totalidade da vía


09 maio 2019

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra acaba de rematar as obras de reforma integral da estrada provincial EP-7021 Berres-Vilancosta no Concello da Estrada para mellorar a súa seguranza viaria. Os traballos consistiron nunha rehabilitación integral do firme e tamén no calmado do tráfico nos case 1,3 quilómetros de lonxitude da totalidade da vía.

Esta actuación iniciouse tras os informes técnicos do persoal da Deputación ao detectar deficiencias na estrada, tales como levantamentos, fochancas, fendas e pel de crocodilo que supoñían un problema para a circulación, ademais da ausencia total de marcas viarias. O proxecto aprobado consistiu na limpeza e rozas de ambas marxes e cunetas da vía, para despois demoler e sanear os anacos de firme que estaban en mal estado. Aplicáronse despois diferentes capas asfálticas e tratamentos antiescorregadizos para evitar os esvaramentos dados os problemas de xeadas que hai no interior da provincia. Finalmente, realizouse o pintado da sinalización horizontal.

Un elemento importante incluído no proxecto de mellora da seguranza viaria foi o apartado específico de calmado de tráfico presente en todas as actuacións provinciais dentro da Estratexia de Mobilidade 3.0. Deste xeito, instaláronse cinco novos redutores físicos de velocidade de vehículos (RFVV) en diferentes puntos quilométrico da estrada coa intención de facer frear de forma obrigatoria os coches que circulan pola zona, quedando oficialmente a velocidade máxima reducida a 30 quilómetros por hora.

O orzamento para esta actuación era de preto de 85.000 euros, se ben a proposta da adxudicataria aprobada pola mesa de contratación (COVSA) rebaixou substancialmente a licitación ata os 65.540,12 euros. O prazo de execución contratado de dous meses tamén se reduciu considerablemente, xa que en apenas tres semanas se realizou todo o traballo.