A Deputación renova o seu apoio á Romaría Vikinga

A institución aporta unha axuda de 8.000 euros para a organización da festa internacional de Catoira amais de levar este venres o concerto de Tanxugueiras co programa Musigal

05/08/2022

Romería vikinga Catoira

A Deputación de Pontevedra aposta un ano máis polas grandes festas da provincia como atractivo cultural e turístico e renova o seu apoio á Romaría Vikinga de Catoira, declarada de Interese Turístico Internacional e que este fin de semana chega á súa 62ª edición. A institución provincial asinou o convenio co Concello de Catoira para aportar unha axuda de 8.000 euros, no marco do tradicional desembarco, que atrae multitudes e alcanza unha gran repercusión fóra das nosas fronteiras, particularmente no norte de Europa. Amais, a Deputación estará xa este venres en Catoira co programa Musigal que ás 23.00 h chegará á Praia Fluvial co esperado concerto de Tanxugueiras.

A Romaría Vikinga celébrase este primeiro domingo de agosto nas Torres do Oeste, declaradas Monumento Histórico Artístico. A recreación do desembarco vikingo é o espectáculo central da festa, na que máis de 120 guerreiros a bordo de drakkars que chegan polo río Ulla rememoran os ataques a Catoira perpetrados polos normandos entre os séculos IX e XI. A programación inclúe actividades culturais previas á dramatización que complementan a vertente máis lúdica da festa. A axuda da Deputación financiará actividades culturais, de animación e aspectos organizativos.

O evento atrae a milleiros de persoas de dentro e fóra de Galicia e cada ano publícanse artigos sobre a Romaría Vikinga en medios nacionais e internacionais A celebración tamén ten unha forte presenza en Internet, difundíndose a todo o mundo nos medios dixitais, nas redes sociais ou blogs. O obxectivo do apoio da Deputación é fomentar a promoción do municipio, da comarca e da provincia como motor de actividade económica, potenciar os recursos do concello e diversificar a oferta turística.

A Romaría Vikinga creouse no 1961 e é unha das seis festas de interese turístico internacional das Rías Baixas. Contan tamén con esta declaración a Arribada de Baiona, a Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), a Feira do Cocido de Lalín, o Corpus Christi de Ponteareas coas súas alfombras florais, e a Festa do Albariño de Cambados.