Noticias

A Deputación revalida o seu apoio á AECC cunha achega de 15.000 euros para o programa "Atención biopsicosocial ás persoas doentes"

Inclúe actividades de investigación, divulgación, prevención, formación e outras iniciativas de carácter sanitario ou asistencial


06 xullo 2021
Visita a AECC

A deputada provincial Olga García visitou a sede provincial da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) coa que a Deputación colabora este ano cunha achega de 15.000 euros para a posta en marcha do programa "Atención biopsicosocial ás persoas doentes oncolóxicas e ás súas familias" que beneficiará a máis de 12.000 persoas da provincia.

O programa contempla actividades de investigación, divulgación, prevención, formación e outras iniciativas de carácter sanitario ou asistencial dirixidas a persoas con cancro e ás súas familias. Inclúe intervención psicolóxica individual e grupal, intervención social, actividades de ocio e tempo de lecer, actividades culturais e obradoiros ocupacionais, rehabilitación oncolóxica e iniciativas de prevención e sensibilización. Mediante estas actividades o programa pretende facilitar unha vida normalizada, mellorar a calidade de vida das persoas diagnosticadas de cancro e das súas familias, minimizar as alteracións emocionais, recuperar o nivel de funcionamento persoal previo á enfermidade, favorecer a integración social, previr a aparición de sintomatoloxía clínica derivada da doenza, cubrir as necesidades básicas das persoas doentes, previr e reducir a progresión de efectos secundarios, orientar e favorecer a autoaxuda e participación das e dos doentes.

Esta iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro, que xurdiu a finais da década dos anos 90 do século pasado e que foi ampliando a súa programación ata converterse no programa básico da asociación tanto pola súa amplitude como pola gran demanda, arrancou xa a comezos de ano e espallarase ata decembro. Desenvólvese nas sedes de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, O Porriño, Cambados, Marín, O Grove, Cangas, Mondariz e Mos, así como en unidades hospitalarias, espazos públicos e nos propios domicilios de persoas doentes que teñen dificultades para desprazarse.

A AECC desenvolve numerosos proxectos e presta diferentes servizos centrados na atención a persoas con cancro e familias. Conta para iso con persoal do ámbito da psicoloxía, do traballo social, persoal de administración e unha equipa de voluntarias/os que están a impulsar desde programas de información, orientación e xestión; ata axudas económicas de emerxencia; programas de alimentos; de préstamo de material e atención social ao doente terminal e aos seus familiares; programas de estancias terapéuticas e orientación laboral; de terapia de voz e atención psicosocial a doentes con patoloxía avanzada; así como atención psicolóxica e actividades na escola.