Noticias

A Deputación revalida o seu apoio a Down Pontevedra cunha achega de 10.000 euros para o seu programa de reforzo da linguaxe oral

Inclúe actividades de avaliación, asesoramento e potenciación da linguaxe e a fala para facilitar a inclusión social, laboral e familiar de persoas con síndrome de Down


22 xullo 2021
Down Pontevedra

A deputada provincial Olga García acaba de visitar a sede provincial da asociación Down Pontevedra "Xuntos" coa que a Deputación colabora este ano cunha achega de 10.000 euros para a posta en marcha do seu programa de reforzo da linguaxe oral na súa área de vida adulta. O proxecto, que conta cun período de actuación anual, está a beneficiar a 44 persoas con síndrome de Down da zona norte da provincia.

"Reforzo da Linguaxe Oral" está pensado para o desenvolvemento e mellora da linguaxe das persoas con síndrome de Down con altos déficits comunicativos mediante aspectos visuais e en grupo. Así, os seus obxectivos principais consisten en dotalas dun sistema de comunicación alternativo que potencie a súa comprensión verbal e expresión espontánea a través da lingua de signos e outros sistemas visuais de comunicación, mellorando as súas habilidades de interacción e comunicación. A metodoloxía do programa está fundamentada nunha intervención total que implica a participantes e familiares nun proceso no que se avaliará o seu desenvolvemento lingüístico durante as súas distintas fases, se traballará para a acadar a mellora comunicativa e se asesorará ás familias.

O proxecto partiu dunha avaliación inicial coas familias para coñecer as súas inquedanzas con respecto á comunicación das súas fillas e fillos, así como as estratexias que empregan para dar resposta aos seus intentos de interacción. Durante o seu desenvolvemento, estase a detectar as circunstancias que dificultan a fala, crear oportunidades de comunicación con conversacións que alentan a súa participación e a desenvolver habilidades sociais para facilitar as relacións interpersoais nos ámbitos social, laboral e familiar. Finalmente, e tras reunións periódicas tanto individuais como en grupo cos familiares, emitirase un informe final coa avaliación de cada persoa usuaria do programa "Vida adulta" para observar a súa melloría e novos obxectivos a acadar.

A asociación Down Pontevedra "Xuntos" constituíuse na vila de Pontevedra en decembro de 1991 coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e, como consecuencia, acadar a súa participación en todos os ámbitos. Na actualidade trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que traballa no norte da provincia e poboacións limítrofes para ofrecer un Servizo de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP), que fomenta o seu desenvolvemento persoal, social e laboral desde múltiples áreas que abarcan desde a atención temperá á atención da vida adulta e independente.