Noticias

A Deputación de Pontevedra revalida o seu apoio ao sector vitivinícola e á promoción do enoturismo na provincia

A institución provincial e a Ruta do Viño Rías Baixas estudan accións para seguir a potenciar Rías Baixas como destino de enoturismo no vindeiro ano


08 outubro 2019
Reunión Presidente Consello Rías Baixas

O deputado provincial dos Centros de Investigación da Deputación de Pontevedra, Manuel González, amosou hoxe ao presidente do Consello Regulador da DO Rías Baixas e da asociación Ruta do Viño Rías Baixas, Juan Gil de Araújo, o compromiso da administración provincial co sector vitivinícola como un dos eidos produtivos punteiros da provincia e tamén coa promoción dun turismo baseado na enoloxía, no transcurso da reunión que mantiveron esta mañá no Pazo provincial.

No encontro, ao que tamén asistiron o secretario e a xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, Ramón Huidobro e Lorena Varela, González destacou o apoio da Deputación ás actividades da Ruta do Viño, da que forma parte a administración provincial, enfocadas non só a promoción dun produto de calidade, como é o albariño, senón tamén á promoción do destino turístico Rías Baixas a través do mundo do viño. Neste senso, a institución provincial e a asociación sen ánimo de lucro van estudar accións para seguir a potenciar Rías Baixas como destino de enoturismo no vindeiro ano 2020.

Hai que lembrar que Estación Fitopatolóxica Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, realiza nos seus laboratorios máis de 2.000 análises edafolóxicos e fitosanitarios ao ano para as cooperativas, bodegas e viticultores da Denominación de Orixe Rías Baixas, que se cobran pola tarifa de prezos públicos da Deputación. Ademais, algunhas adegas que teñen xardíns históricos tamén solicitaron o apoio da EFA para estudos botánicos ou fitosanitarios das súas árbores, que se realizaron sen coste.

Manuel González convidou así mesmo aos directivos de Rías Baixas a promocionar o seu produto e actividades na caseta que a Deputación terá na feira gourmet Etiqueta Negra, que se desenvolverá o vindeiro mes de novembro en Pontevedra. Pola súa banda, Gil de Araújo entregou tamén ao deputado a memoria de actividades e de contas da Ruta do Viño do pasado ano 2018.

Cata en Soutomaior

No transcurso da reunión, González e Gil de Araújo puxeron tamén data á tradicional Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas, que terá lugar o día 17 de novembro no castelo de Soutomaior.

A Deputación únese novamente á Ruta do Viño Rías Baixas nesta nova cita para promover a enogastronomía de calidade, que chega xa a súa oitava edición. A actividade, que se desenvolverá en horario da mañá, servirá para celebrar o Día Europeo do Enoturismo o 17 de novembro. A Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas porá a proba os sentidos das persoas asistentes a través da degustación de distintos viños elaborados por adegas asociadas, nunha forma diferente de gozar do enoturismo e de coñecer o traballo desenvolvido polo conxunto deste sector.

As novidades desta oitava edición da Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas ofreceranse nas vindeiras semanas, xunto posta á venda das entradas para asistir ao evento. Desde a asociación sen ánimo de lucro agradeceron que "un ano máis, a Deputación de Pontevedra ratificase a súa aposta polo enoturismo".